Apertura do prazo de inscrición na III Ruta BTT Río Tambre cunha proba en ruta de 45 kms e unha maratón de 65 kms
A asociación cultural, medio ambiental e deportiva “O Esquío no Piñeiro” (Brión), en colaboración co Concello de Brión e coa Piscina Cuberta Municipal, abren o prazo de inscrición na terceira edición da Ruta BTT Río Tambre-Brión, que terá lugar o domingo 14 de setembro. Unhas anotacións que poden facerse a través do blog da proba: http://rutabttdotambre.blogspot.com.es/ antes do 7 de setembro. O custo da inscrición é de 10 euros.
Dende “O Esquío no Piñeiro” decidiron conservar a esencia da proba inicial, mantendo unha distancia apta para todos os públicos, independentemente da capacidade física e da forma (45 km), así como un circuíto mais esixente e que fará as delicias dos bikers mais experimentados (65 km). Como novidade, e malia que a proba se entende como Non Competitiva, a organización vai entregar trofeos aos tres homes e ás tres mulleres que primeiro crucen a meta tanto na modalidade de Ruta como na de Maratón. Ademais, tamén levarán premio os participantes máis novos, os máis veteranos e o club con presenza mais numerosa.
O custo da inscrición é de 10 euros, que inclúe os avituallamento durante a ruta, seguro de responsabilidade civil e accidentes, servizo de ambulancia, servizo de recollida en caso de accidente ou avaría, lavado de bicicletas, regalo conmemorativo da proba, duchas, comida de confraternización e, por cortesía de Aquafit Xestión, disfrutar da piscina cuberta para darse un baño despois da proba. “O Esquío no Piñeiro” oferta un total de 250 prazas, que é o mesmo número de participantes rexistrado na edición de 2013.











