Ana Leira, Alba Conde, Pingas de Orballo e Efecto Mariposa porán a nota musical á IX Feira do Viño de Monterrei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseVerín
A-
A+

Na novena edición da Feira do Viño de Monterrei a música cobra un especial protagonismo, estando presente tanto no recinto feiral coma nos concertos que se celebrarán na praza García Barbón.

O programa musical arranca o sábado na praza da Mercé ás 12 horas a ritmo de folk, coa actuación do quinteto integrado por mándoa, mandolina, acordeón, frautas e percusión, ao que pon voz a solista de Faltriqueiras, Ana Leira.

Esa mesma tarde, pero a partir das 21.30 horas será a quenda para os máis novos, un público ao que os organizadores da feira quixeron dedicar unha actuación especial. Os DJ´s Alba Conde e Gramola compartirán sesión na praza da Mercé, cunha posta en escena que incluirá coctelería acrobática, na que os/as asistentes á feira poderán degustar ademais dos viños das dez adegas expositoras, unha variada carta de combinados nos que o viño desta denominación figura como base.

O propio sábado 9, tras o peche da feira, ás 24 horas, a actividade trasládase á praza García Barbón da man do presentador e locutor radiofónico Fernandisco e Efecto Mariposa. Este grupo de pop malagueño, liderado por Susana Alva, acudirá a Verín para presentar o seu novo traballo Comienzo e realizar un percorrido pola súa discografía con temas como “Sola”, “Dime dónde”, “El mundo”, “Otra historia”, “No me crees”, “Si tu quisieras”, “Por quererte”, “Entre flores” ou “Diez minutos”, entre outros. E Fernandisco poñerá broche a unha intensa xornada musical, cunha sesión que se estenderá ata a madrugada.

O domingo o folk de Pingas de Orballo darase cita na praza da Mercé amenizando a todos o que se acheguen a gozar dos viños de Monterrei e da gastronomía, nunha actuación que arrancará ás 12 horas.

Todo iso sen esquecer a Banda de Gaitas do Concello de Verín que marcará o paso no percorrido inaugural da IX Feira do Viño de Monterrei e interpretará varios temas na praza, tras a benvida aos asistentes.

Fóra do puramente musical, a feira inclúe unha actividade de animación para os máis pequenos. O domingo 10 de agosto ás 20 horas, globoflexia, pallasos e zancudos farán a súa entrada na praza da Mercé a ritmo da música de Gramola, que estará a cargo do repertorio musical durante os tres días de feira.

A IX Feira do Viño de Monterrei presenta así unha ampla e variada proposta musical coa que pretender atraer a diferentes perfís de público á gran cita anual do viño da bisbarra. A mesma está organizada polo Concello de Verín e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, coa colaboración do PCT Puertas de Galicia, Eurocidade Chaves-Verín AECT e o concello de Vilardevós.

6 de agosto de 2014 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.