“Amantes”, “La curva de la felicidad”, o concerto de Izal e os monólogos forman parte da nova tempada do Jofre
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e o concelleiro de Cultura, Manuel Reyes García-Hurtado, presentaron hoxe a programación do Teatro Jofre e do Auditorio de Ferrol para os vindeiros meses de setembro e outubro do presente ano 2014. Unha oferta cultural que o primeiro edil valorou como “variada, plural, para todos os públicos e que inclúe todos os xéneros”. Neste senso, Jose Manuel Rey destacou como novidade a incorporación dun espectáculo circense.
Así o calendario de eventos culturais para o mes de setembro no Jofre inclúe a danza familiar Pinochio, a obra teatral Amantes, e o ciclo de monólogos continúa co espectáculo “Evoluzión” de Goyo Jiménez. Tamén terá lugar o concerto da Orquestra de Colonia. En canto á programación para o vindeiro mes de outubro no teatro municipal, destaca a obra teatral Olivia y Eugenio, interpretada por Concha Velasco; e o espectáculo de circo acrobático Entredós, como novidade. Así, a nova oferta cultural se completa co musical El Intérprete; a comedia La curva de la felicidad; e o monólogo de Joaquín Reyes.
Actuacións no Auditorio
Por outra banda, a programación cultural que acollerá o Auditorio de Ferrol estará centrada no ámbito musical. Así, a cita máis inminente no novo equipamento ferrolán terá lugar o vindeiro sábado 27 de setembro coa actuación do grupo de pop/rock Izal. Así mesmo, durante o mes de outubro actuarán Ivan Ferreiro e o barítono galego Borja Quiza, concerto incluído dentro do ciclo “Ferrol en clave lírica”.
O concelleiro de Cultura, Manuel Reyes García-Hurtado sinalou que esta nova oferta “será o inicio da programación cultural de maneira permanente no Auditorio de Ferrol”. Ademais, o edil ferrolá avanzou que se levarán a cabo obras de mellora dos equipamentos técnicos no Teatro Jofre e no Auditorio de Ferrol por un importe de 225.000 euros.











