Afamados pilotos de toda España daranse cita no Dirt Track Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+

A carreira nocturna Dirt Track Carballo congrega o sábado 9 de agosto na contorna do Centro Comercial Bergantiños na rúa Perú a un total de 23 pilotos da zona, pero tamén chegados de toda España, para ofrecer un emocionante espectáculo de motociclismo. Segundo explica César García de Seárez, de Creativa Digital e membro da organización, “cada ano tentamos facelo máis espectacular”. Juan Puga, da escudaría Motor Bergantiños, organizadora da cita coa colaboración de Carballo Deporte, subliña que se ten traballado para mellorar a proba tanto no caso do cicuíto como no nivel dos pilotos.

No primeiro caso, “abrimos un pouco máis as curvas respecto do ano pasado para que os pilotos incrementen a velocidade e sexa máis espectacular”; ademais, aumentouse o tamaño das gradas para poder acoller entre 1.800 e 2.000 persoas. E no segundo, atraendo a corredores de sona como Dani Rivas, piloto do Mundial de Superbikes; Nuno Pinto, portugués de elite en clase Supermotard; Nestor Cardona, afamado piloto catalán que corre no Campionato do Mundo; e coa presenza de varios pilotos de calidade chegados de Cataluña e Andalucía. Así mesmo, compiten os pilotos locais Juan Puga, Marcos Porteiro, Sergio Castro, Suso Martínez e Iván Moscoso. A cita é a partir das 21.00 horas e prolongarase ata pasadas as doce da noite.

As entradas custan 10 euros, mais os clientes do CCB-Gadis poden obter un desconto do 50 por cento. De feito, Esteban Rostro, xerente do Centro Comercial Bergantiños Gadis, patrocinador da cita, quixo transmitir os seus parabéns a Juan Puga, polo seu traballo arreo para que a cita sexa un éxito. Tamén subliñou o interese dos clientes do Gadis na promoción para conseguir o desconto nas entradas. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, tamén quixo felicitar a Puga e ao Motor Club Motor Bergantiños porque confiar neles para a celebración deste tipo de probas “sempre ofrece seguridade, pola súa experiencia”. Desexou “que non haxa ningún incidente que lamentar e que sexa unha proba bonita”.

A organización quixo agradecer a presenza dos patrocinadores, nunha cita “que custa moito organizar”, en verbas de García de Seárez, xa que supón un importante investimento, non só acondicionar a pista, senón o aluguer das gradas, do alumeado, do equipo de megafonía ou o feito de poder contar con pilotos de categoría. Así, a proba conta coa colaboración de Mesón As Viandas e Alquileres Reneymar; e co patrocinio, ademais do CCB-Gadis, de Vitaldent, Opticalia Enríquez e Cervexería Beos.

8 de agosto de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.