AFAL conmemorará o Día Mundial do Alzhéimer con xornadas de portas abertas e unha cea solidaria
A presidenta de AFAL Ferrolterra, Milagros Prieto Gondell, presentou esta mañá en rolda de prensa a programación de actividades deseñada pola entidade para conmemorar o Día Mundial do Alzhéimer o próximo 21 de setembro. Un acto que se desenvolveu na Galería Sargadelos e no que Milagros Prieto estivo acompañada polo xerente de Parque Ferrol, Manuel Moreno. Unha entidade que, por primeira vez, colabora na programación despois da súa chegada a Ferrol o pasado ano. Así, Milagros Prieto avanzou que, como anos anteriores, o contexto económico impuxo a austeridade na elaboración do programa.
A pesar do gasto cero, a imaxinación e o esforzo do equipo que conforma AFAL Ferrolterra permitirá á asociación continuar informando á sociedade sobre esta enfermidade e sobre o labor que desenvolve para mellorar a calidade de vida de enfermos e familiares. Unha difusión que se acentúa en setembro, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Alzheimer e que AFAL, segundo indicou Milagros Prieto, non quere centrar nunha única xornada, senón estendelo ao longo do mes. Así, baixo a lema estatal “Solidarios” e o elixido pola asociación “Eu non me esquezo”, co que se explicita que a enfermidade é cousa de toda a sociedade, xa que a todos afecta, Milagros Prieto avanzou que as actividades comezarán o día 6 de setembro cos tradicionais peditorios e mesas informativas en diferentes puntos de Ferrol. Nesta ocasión, con novidade, xa que tras a apertura de Parque Ferrol, o centro súmase á iniciativa solidaria. Deste xeito, a asociación estará presente, nesta primeira xornada, no Centro Comercial Alcampo (de 10 a 14 horas) e en Parque Ferrol (de 10 a 20 horas).
Os días 16, no Complexo Hospitalario Universitario Arquitecto Marcide e Hospital Naval (de 9,30 a 13,30 horas) e o 17, en diferentes rúas da cidade (de 9,30 a 13,30 horas). Nesta liña, a presidenta de AFAL quixo agradecer a colaboración das firmas comerciais, institucións sanitarias e da Asociación de Viúvas e Asociación de Damas da Carmen, que apoian á entidade nesta acción. O día 12, AFAL celebrará o Aniversario, sétimo xa, do seu Centro de Día Terapéutico, o primeiro en Galicia aberto por unha asociación. Será unha festa na que os usuarios e as súas familias, xunto ao equipo técnico da entidade, compartirán merenda, música e manualidades. Milagros Prieto avanzou que tamén se reeditarán as xornadas de portas abertas.
A primeira, ese mesmo 12 de setembro e, a segunda, o 24. Ademais, coincidindo co aniversario do Centro de Día, o día 12, AFAL organizará a súa tradicional cea solidaria, aberta á participación de todo o mundo. Unha oportunidade para colaborar coa asociación e, ao mesmo tempo, gozar dunha velada amena e unha boa cea. Terá por escenario o restaurante do Hotel Almirante, a partir das 21,30 horas e estará amenizada pola música dos Tsares.
Para acudir, é preciso confirmar asistencia no correo comunicacion@afalferrolterra.com ou de forma presencial na propia asociación (c/Río Castro, 4345, Ferrol). O prezo é de 33 euros, a ingresar na conta de Abanca: 2080 0215 45 3040011872. No transcurso da cea coñecerase a identidade do Socio do Ano de AFAL, unha distinción que a asociación concede por primeira vez e coa que quere recoñecer o labor dunha persoa física ou entidade a favor da causa común no apoio ás familias e enfermos de Alzhéimer. Por último, AFAL levará a cabo o Circuíto do Alzhéimer, en colaboración novamente con Parque Ferrol.
Será o día 19 de setembro e, a través da mesma, a asociación propón ao público asistente porse na pel do enfermo a través dun circuíto de actividades que recrean rutinas do día a día. Actividades que terminan cunha charla informativa. Ademais, Milagros Prieto quixo agradecer especialmente a colaboración de Dignidade, xa que entre o 15 e o 21 AFAL exporá nas súas tendas traballos feitos polos maiores a disposición do público para a súa venda –un xesto co que colaborar coa asociación– e información sobre a entidade. Por último, Milagros Prieto animou a toda a cidadanía a participar do programa presentado e achegarse un pouco máis a esta enfermidade e ao traballo da asociación. Pola súa banda, o xerente de Parque Ferrol, Manuel Moreno, trasladou o agarimo e admiración do centro cara á asociación e abriu as portas do mesmo á colaboración con AFAL.
Agradeceu que a asociación conte coa entidade e lembrou que máis tarde ou cedo todos seremos maiores, co que a enfermidade do Alzheimer a todos pode tocar. Apelou á concienciación cidadá e significou que nunca a suma dun todo é maior que a suma de todos, polo que convidou á cidadanía a colaborar con AFAL e o seu labor.











