Adrián Domínguez e Calixto Abalo finalizan sextos no Campionato do Mundo Absoluto de 420
Do 25 de Xullo ao 3 de Agosto celebrouse en Travemunde (Alemaña) o Campionato do Mundo Absoluto de 420 con representación galega na categoría Open (tripulacións masculinas e mixtas) onde houbo 111 participantes dos 5 continentes, contando a categoría feminina con 84 tripulacións.
A tripulación do Liceo Casino Vilagarcía empezou moi forte a semana de regatas liderando a flota durante as 3 primeiras xornadas. Tras un día de descanso pasaban ás series finais en segunda posición tras os compañeiros de Equipo Nacional Español José M. Ruíz e Fernando Dávila, quen se coroarían Campións do Mundo ao termo da competición.
Xa nas series finais soamente se puideron celebrar 4 mangas con resultados máis irregulares que lles fixeron caer até a 6ª posición. Cun total de 10 mangas proclamáronse os novos Campións do Mundo Absolutos Masculino e Feminino, caendo en mans españolas e italianas respectivamente.
Campionato de Europa Xuvenil – Gdynia (Polonia)
Adrián e Calixto terminaron satisfeitos o Mundial e xa se atopan en Gdynia preparando o Europeo Xuvenil. Até Polonia tamén se desprazaron Andrés Álvarez e Sergio Rodríguez tamén do LC Vilagarcía formando parte do Equipo Nacional da RFEV.
Do 11 ao 18 de Agosto terá lugar o Campionato co seguinte programa:
11 e 12 de Agosto: Inscrición e medicións de material.
Do 13 ao 18 de Agosto: series de clasificación e series finais











