Actitude receptiva da Xunta ás alegacións contra a reestruración do servizo transporte urbano de Ferrol
O concelleiro de Seguridade e Mobilidade do Concello de Ferrol, Pablo Cal Martínez, mantivo hoxe unha xuntanza coa directora xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, María del Camino Triguero, en que reiterou a posición contraria do Goberno Municipal a proposta de reestruturación do servizo de transporte urbano feito pola empresa concesionaria do mesmo, Tranvías de Ferrol. O edil ferrolá sinalou que a responsable autonómica mantivo “unha actitude totalmente receptiva” ás alegacións que o Concello de Ferrol, a través da Concellería de Servizos e Mobilidade, presentou na Xunta de Galicia o venres pasado.
O concelleiro Pablo Cal recordou que a alegación cursada céntranse en tres puntos: a necesidade de que o transporte público chegue até a area hospitalaria; a recuperación das paradas de Ferrol Vello e o mantemento dos servizos e liñas no barrio de Caranza. Ao respecto do primeiro punto, o edil ferrolán sinalou que “é imprescindible que o transporte público dunha ou doutra concesión chegue ao hospital naval, xa que esta instalación absorbe unha importante porcentaxe das consultas externas da Área Sanitaria de Ferrol”. Así as cousas, para o titular de Mobilidade do Concello de Ferrol “non é de recibo, e máis neste caso en que falamos de persoas enfermas, que estes teñan que desprazarse a pe máis de 300 metros para ir ao hospital naval”.
Na alegación do Concello de Ferrol argumentase tamén a necesidade de que se recupere as paradas de Ferrol Vello coas liñas directas aos hospitais. “Aínda sabendo que non é un servizo incluído na concesión, a súa supresión non é procedente porque o certo é que se presta dende fai moitos anos e polo tanto debera verse incluído na prestación do servizo”, apunta na alegación o responsable municipal de Mobilidade.
Unha última cuestión en que fai fincapé a alegación do Concello é na demanda de que permanezan como estaban, sen modificacións, os tráficos da zona de Caranza. Ao respecto, a Administración ferrolá rexeita a “eliminación ou reducción drástica de servizos que a empresa concesionaria propón en sábados, domingos e festivos”.











