Ábrese o segundo prazo de matrícula no Máster Terra
Os interesados en formar parte da nova promoción deste título propio da Universidade de Santiago de Compostela teñen, desde hoxe, unha nova oportunidade para solicitar a súa matrícula provisional. Para facelo teñen que rexistrarse e solicitar a admisión na páxina da secretaría virtual da USC, cuxa ligazón se atopa na web oficial do máster, masterterra.usc.es.
Un máster flexible e de calidade
O Máster Oficial en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio impartirase de setembro de 2014 a xullo de 2015, de luns a xoves e en horario de tarde, na Escola Politécnica Superior e no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, ambos centros do Campus de Lugo. No entanto, como novidade, agora poderá cursarse tamén na modalidade telepresencial, a través de videoconferencias, desde calquera parte do mundo.
A USC convalidará o título con 60 créditos, que se obterán ben durante un ano académico, ben durante dous, se se escolle realizar este máster a tempo parcial.
As clases ofreceranse en galego e en castelán, pero requírese un bo coñecemento do inglés para o seguimento de todas as actividades programadas, tales como as presentacións de expertos internacionais.
O máster está a ter moi boa acollida entre o alumnado pola súa adaptación ás necesidades reais e urxentes de deseñar novos modelos de xestión dos usos do chan adecuados ás características de cada espazo. Trátase dunha esixencia de optimización proveniente de sectores como o agrogandeiro e acrecentada polo enfoque da nova PAC, a ameaza dos incendios forestais e os conflitos urbanísticos.
Como indicador de calidade, cabe destacar o elevado grao de colocación dos seus egresados, respondendo así á demanda laboral actual e mostrando a importancia da xestión de terras e do territorio en todas as súas dimensións.
As saídas
As persoas que fagan este máster optarán a un contrato de investigación de 6 meses e terán acceso ao doutoramento específico (DoctoraTe). Así mesmo, poderán colaborar con institucións de distintos países, facer prácticas no exterior durante o período lectivo, formarse nas últimas tecnoloxías da información xeoespacial ou ver publicados os seus traballos de fin de máster.











