Aberto o prazo para o concurso fotográfico “Colabora co movemento Surf & Clean” de Carballo
A asociación Surf & Clean, co patrocinio e colaboración do Concello de Carballo, organiza e xestiona varios sorteos e concursos a través das Redes Sociais co obxecto de dar a coñecer o movemento Surf & Clean, que nace este verán na praia de Razo-Baldaio para concienciar e sensibilizar á poboación da importancia de coidar e respectar o medio e manter as nosas praias limpas de residuos. A iniciativa consiste en que os/as participantes suban unha fotografía en Facebook, Twitter ou Instagram, tomada por eles/as e da que posúan os dereitos, que estea relacionada co surf e o medio. Os participantes deberán nominar a tres persoas. As fotografías poderán ser votadas mediante as nomeadas redes sociais, das cales as dez que posúan máis votos formarán parte dunha exposición ao remate do proxecto. Estas fotografías utilizaranse posteriormente para crear un símbolo presente na praia de Razo-Baldaio e/ou nalgún ou varios lugares do Concello de Carballo. Este símbolo tamén poderá empregarse para fins promocionais do proxecto Surf & Clean. Paralelamente, incentivarase que os/as usuarios/as se fagan seguidores/as das páxinas de Turismo Carballo e Surf and Clean nas Redes Sociais. Esta acción promocional estará activa desde o 18 de xullo até o 30 de setembro de 2014. O sorteo e resolución do concurso realizarase o 2 de outubro de 2014.











