A Xunta de Goberno da Laracha adxudica as obras incluídas no POS
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse hoxe nunha sesión ordinaria na que o acordo máis destacado foi a adxudicación dos proxectos incluídos no Plan provincial de cooperación ás Obras e Servizos (POS) para a anualidade 2014.
Xa no pasado mes de novembro o Pleno da Corporación aprobara de xeito unánime a proposta do goberno local para destinar os fondos deste programa, que en total está valorado en 360.000 euros, dos cales a Deputación da Coruña achegará máis de 349.000 euros. Desta última cantidade, o Concello da Laracha destinará a gasto corrente o sesenta por cento (máis de 209.000 euros), correspondendo o restante corenta por cento máis a achega municipal (en total, uns 151.000 euros) a investimentos.
As obras que se financiarán con cargo a este programa terán por finalidade mellorar a rede viaria municipal. As actuacións afectarán a once núcleos de poboación de dez parroquias do municipio: o núcleo de A Ganduma (parroquias de Lestón e Torás), Maseo (Coiro), Requesende (Golmar), carreteira A Xesteira-Samiráns (Lendo), O Rano e Pazos (Montemaior), A Fontaíña (Lemaio), Nogán (Cabovilaño), Boimir (Soandres).
Nos próximos días formalizaranse os contratos e, a continuación, iranse iniciando a totalidade das actuacións proxectadas.
Brigadas de incendios
Na sesión de hoxe tamén se acordou adxudicar á empresa Trafober S.L. o contrato para a prestación do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais por un importe total de 70.785 euros, que serán cofinanciados entre o Concello da Laracha e a Consellería do Mar e do Medio Rural da Xunta de Galicia.
O contrato ten unha duración de tres meses e estipula que durante dito período dúas brigadas de cinco membros cada unha (en total, dez persoas) actuarán no Concello da Laracha en cada xornada de traballo.











