A volta ciclista a Galicia tamén pasará pola Laracha
Ao longo do mes de setembro o Concello da Laracha será protagonista nos dous eventos ciclistas máis importantes existentes tanto a nivel autonómico como estatal.
O 10 de setembro, como xa era coñecido, parte do tramo final da 17ª etapa de La Vuelta Ciclista a España discorrerá polo termo municipal da Laracha, estando programado o paso do pelotón pola zona da canteira, Os Muíños e, por último, Paiosaco, xa en dirección a Arteixo, nunha xornada que principiará en Ortigueira e concluirá na cidade da Coruña.
A esa boa nova únese agora o anuncio de que a Volta Ciclista a Galicia tamén pasará polo noso municipio. O evento que organiza a Federación Galega de Ciclismo para as categorías elite e sub-23 celebrarase do 19 ao 21 de setembro. Na segunda xornada, a do 20 de setembro, que terá saída e meta na cidade da Coruña, haberá un tramo de percorrido larachés duns dezaseis quilómetros de lonxitude, en concreto pola estrada AC-552 desde Paiosaco ata Bértoa (Concello de Carballo), pasando tamén pola capital municipal, onde se situará unha meta volante. Será na parte inicial da etapa, estando previsto o paso do pelotón polo noso termo municipal en torno ás 14.25 horas.
Desde o Concello da Laracha valoramos esta nova moi positivamente dado que, ademais da repercusión mediática e os efectos que poderá significar no sector turístico, ambos eventos, La Vuelta Ciclista a España e A Volta Ciclista a Galicia, poderán ser disfrutados in situ polos nosos veciños e serán un modo de potenciar o deporte da bicicleta, que goza dunha excelente saúde na Laracha, como puido comprobarse durante o verán no Día da Bici –que contou con case catrocentos participantes- e tamén na excelente actividade que ao longo de todo o ano desenvolven, coa colaboración do Concello, os catro clubs ciclistas consolidados no municipio.











