A tempada está a ser ben aproveitada polos atletas da Ximnástica con 189 medallas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

Os atletas da Sociedade Ximnástica cultivaron un bo número de medallas durante a tempada, aínda que queda setembro e outubro, para concluír o curso atlético, practicamente xa se celebraron todos os Campionatos Oficiais.

As 189 medallas gañadas repártense en Campionatos autonómicos, nacionais e internacionais. Como sempre os Campionatos de Galicia foron os máis frutíferos con 128 preseas, das cales 60 foron de ouro; só en 2007 con 76 medallas, conseguíronse máis metais dourados.

Foi o veterano Francisco Quintáns o que máis veces subiu ao podio con 7 ouros e 2 pratas; xunto co xuvenil, Darío Costas que sumou 7 ouros, 1 prata e 1 bronce. A atleta Promesa, Paula Martín, con 7 preseas foi a moza máis laureada. Atendendo soamente aos Campionatos absolutos, Santi Ferrer Alonso, Víctor Galego e Víctor Riobo foron os que máis medallas se colgaron ao pescozo, con 4 cada un.

En canto aos Campionatos de España, alcanzáronse 35 medallas, resaltando os 9 metais dourados; nos Campionatos veteranos sumáronse 7 deles, Ramón Serantes levou tres, do mesmo xeito que Carlos Ferrer, mentres que Ana Abuín conseguiu un. Os outros dous foron a cargo de Manuel Molinos na proba de salto de altura da categoría promesa en pista cuberta e un dos triunfos máis importantes da tempada, o título de Campión de España de marcha en ruta a cargo de Marc Tur; foi en 1998 cando Santi Pérez conseguiu para a Ximnástica este título por primeira vez e 16 anos despois volveuse a conseguir.

Marc Tur fixo unha gran tempada, sumando ademais dúas preseas a nivel internacional, unha prata coa selección nacional nos Xogos do Mediterráneo Sub-23, e o seu primeiro metal coa selección nacional absoluta, unha prata no Campionato Iberoamericano.

A nivel internacional Alex Flórez colgouse dúas medallas no mundial de veteranos de pista cuberta, con dous ouros nas carreiras de marcha. Por último os atletas da Ximnástica que teñen a súa licenza por outras Federacións Autonómicas, alcanzaron un total de 22 preseas, con 14 ouros, 6 pratas e 2 bronces.

27 de agosto de 2014 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.