A rúa Juan Carlos I péchase ao tráfico o xoves á noite para proceder ao seu asfaltado
O Ministerio de Fomento inicia esta semana o comprometido asfaltado da estrada N 531 ao seu paso por Vilagarcía. Os traballos comezan o xoves pola noite e afectarán á rúa Juan Carlos I dende a estación de servizo de San Roque e ata a Praza da Constitución. As obras realizaranse en horario nocturno para interferir o menos posible no intenso tráfico que rexistra esta travesía que permanecerá cortada totalmente mentres se desenvolvan os traballos.
O tráfico dende ás 22:00 horas do xoves e ata que remate o asfaltado non poderá circular por esta vía e será desviado por outras rúas á altura dos cruces do ramal e de Luz Salgada. Para os coches que circulen polo centro se sinalizarán os desvíos por vías intermedias como Arcebispo Xelmírez.
A Policía Local xa comezou a sinalizar con vallas os estacionamentos de Juan Carlos I que deberán quedar completamente despexados antes das 22:00 horas do xoves para permitir realizar a obra.
Unha vez rematado este primeiro tramo, Fomento proseguirá co asfaltado da N 531 ao seu paso por Vilagarcía, xa que a actuación demandada polo Concello inclúe o tramo que vai dende o cruce do Hospital Comarcal ata a Praza da Constitución. A realización desta obra é moi necesaria debido ao mal estado no que se atopa o firme como consecuencia a unha falta de mantemento nos últimos anos e aos estragos provocados polos duros e chuviosos invernos. A vía, especialmente no seu tramo máis urbano, atópase moi deteriorada con numerosos socavóns que ademais de dificultar o tránsito dos vehículos e o paso dos peóns, supoñen un risco para a circulación. Ademais, os baches énchense de auga coa chuvia e os coches ao pasar sobre eles salpican aos peóns que camiñan polas beirarrúas.
O asfaltado da estrada N 531 foi un requisito que esixiu o goberno local ao ministerio de Fomento como condición ao traspaso de titularidade da vía á administración local. O goberno considera beneficioso que a estrada pase a depender do Concello para evitar os engorrosos trámites que hai que realizar cada vez que se quere pintar un paso de peóns ou instalar un semáforo. Non obstante, o Concello só aceptaría o traspaso sempre que este se fixera co forme en perfecto estado, algo ao que accedeu o ministerio.











