A riqueza cultural de Cangas volverá protagonizar as Festas do Cristo
Hoxe tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Cangas o acto de presentación das Festas do Cristo 2014 No acto estiveron presentes o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo, o concelleiro de Cultura, Educación, Patrimonio, Xuventude, Voluntariado e presidente da Comisión de Festas José Luís Gestido acompañados por técnicos municipais das áreas de turismo, cultura e asuntos sociais.
Gestido sinalou que “como cada ano presentamos unha programación moi completa e variada dirixida a todos os públicos” que presenta algunhas novidades entre as que destaca as datas, “este ano o día do Cristo cae o 31 de agosto polo que decidimos adiantar a programación sen solapar a festas de San Roque do 23 e 24 de agosto e a Romería de Darbo a comezos de setembro”. “Un ano máis as Festas do Cristo volven a amosar a riqueza cultural da vila de Cangas e as súas xentes” declarou.
Pola súa banda o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo felicitou a Comisión de Festas polo programa deste ano “digno e amplo como ven sendo habitual nos últimos anos” declarou, “non exento de dificultades no referente ao económico” engadiu, así como agradeceu xunto a Gestido a colaboración das confrarías relixiosas na coordinación dos actos relixiosos, “unha labor desinteresada e moitas veces non recoñecida” sinalou o rexedor.
O programa deste ano esta composta por 120 horas de programación ininterrompida con 87 espectáculos musicais, teatro, danza e exposicións en diferentes puntos do concello. “Nas festas estarán presentes estilos musicais tan diferentes como o folk e o heavy” recalcou o edil, que destacou o número de actuacións musicais que presenta o programa deste ano con actuacións nocturnas todos os días na explanada das Naves de Ojea, a carón da casa consistorial.
O 29 terá lugar a Gala Musical que contará co presenza de artistas de recoñecido prestixio tanto a nivel nacional como internacional coa actuación de David de María, Tamara e Azúcar Moreno no seu regreso aos escenarios así como o espectáculo de variedades Show Time.
Gestido anunciou a celebración o 30 de agosto dunha iniciativa musical chamada Proxecto Fusión na que participarán a banda Astarot, a banda de música Belas Artes e a coral Lestonnac coa banda de gaitas Tromentelo como invitado . “Trátase dunhas das iniciativas máis ambiciosas das que estanse a desenvolver no noso Concello coa colaboración de agrupacións significativas de Cangas e que presentaremos proximamente”.
Por último tamén foi presentada a revista oficial das festas nun formato “renovado” segundo explicou o responsable de Cultura “cargada de contidos, con reportaxes e entrevistas e que poderase adquirir na Casa da Xuventude a mediados da próxima semana”.











