A reforma dos postos exteriores da praza de abastos de Vilagarcía acometerase este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Praza de Abastos de Vilagarcía será obxecto nos vindeiros meses dunha importante actuación de mellora que afectará principalmente aos postos exteriores do edificio recentemente reformado. O Concello ten previsto investir 120.000 euros na realización das obras para acondicionar e unificar cunha mesma imaxe a totalidade dos postos exteriores, así como para a instalar máis vinilos para atenuar a entrada da luz solar no interior da sala de venta de peixe. Para o seu financiamento cóntase cunha subvención de 90.000 euros da Consellería de Industria e Comercio.

A concesión da axuda do organismo autonómico foi comunicada esta mesma semana ao Concello. A concelleira de Mercados, Rocío Llovo, acolleu con gran satisfacción a noticia dado o seu especial interese por continuar coa modernización da Praza de Abastos iniciada hai tres anos coa remodelación dos módulos central e este do emblemático edificio. A edil considera moi necesario acometer esta actuación na Praza de Abastos “para mellorar a imaxe exterior da Praza, que na actualidade deixa moito que desexar, e tamén pola repercusión positiva que a medida terá na dinamización comercial destes postos”.

O proxecto a levar a cabo este mesmo ano foi redactado polo Arquitecto Municipal e afectará aos 29 postos da Praza que dan ao exterior, tanto os que dan á rúa Arcebispo Lago, como os da rúa Alexandre Bóveda, incluídos os da ala e o pavillón que non foron remodelados na actuación anterior por limitacións orzamentarias. Coas actuacións previstas preténdense mellorar o aspecto exterior e uniformar a imaxe comercial do conxunto, incidindo con elas no obxectivo principal de garantir a conservación da estrutura física do edificio protexido, así como a súa funcionalidade. Para iso actuarase sobre os elementos accesorios que actualmente sofren un deterioro acusado e que ofrecen unha imaxe pouco atractiva.

Novos toldos e persianas de peche

As actuacións que terán unha maior repercusión á vista son a substitución das actuais persianas de peche dos postos por unhas novas proteccións metálicas enrolables iguais para todos os postos. Tamén se colocarán novos toldos de protección coa cor corporativa do Concello. De igual xeito, aproveitarase para renovar a imaxe da parte central da fachada principal que se repintará e rotulará cos logos de identidade corporativa da Praza de Abastos.

Máis vinilos nos ventanais opara atenuar a entrada da luz solar

O proxecto inclúe dúas actuacións máis. Unha, aínda que visible dende o exterior, ten incidencia sobre os postos de venta de peixe do interior da sala de Abastos. Trátase da instalacións de vinilos areados nos ventanais superiores das fachadas da rúa Alexandre Bóveda e García de Caamaño co obxectivo de mitigar a luz solar que penetra no edificio e que, en determinadas épocas do ano, provocaba molestias ás peixeiras. Esta medida vén a complementar a levada a cabo hai dous anos, cando xa se cubriran os vidros das tres entradas á sala de abastos (por García de Caamaño, Arcebispo Lago e Alexandre Bóveda), atendendo á petición dos vendedores.

A segunda das actuacións que se desenvolverán no interior da Praza a través deste novo proxecto de mellora que promove a Concellería de Mercados é o acondicionamento da cámara frigorífica do peixe coa reposición do solado e reparación dos acabados exteriores mediante paneis.

Achega municipal do 25%

Esta nova fase de modernización e mellora da Praza de Abastos requirirá dun investimento aproximado duns 120.000euros. Para poder financiar a actuación, o Concello conta cunha subvención da Consellería de Economía e Industria á que o Concello deberá aportar o 25% restante.

O 15 de agosto haberá Praza e mercado

O venres, 15 de agosto, a Praza de Abastos de Vilagarcía abrirá as súas portas e tamén haberá mercado. A petición dos praceiros e ambulantes, o Concello autorizou adiantar un día a actividade que tradicionalmente se celebra o sábado por coincidir este co festivo local de San Roque.

13 de agosto de 2014 | 11:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.