A reforma do campo de fútbol de Bamio, en Vilagarcía, será financiada pola Deputación con 475.000 euros
A Deputación de Pontevedra financiará con 475.426,18 euros a reforma do campo de fútbol de Bamio, en Vilagarcía de Arousa. Así o acordou esta mañá a Xunta de Goberno, que aprobou a concesión deste importe ao concello, no marco do Plan Urxente de Servizos e Infraestruturas Municipais.
As obras incluirán a dotación de céspede artificial, a ampliación do campo e a mellora das instalacións.
Para iso será preciso desmontar as porterías, bancadas de suplentes e barandas perimetrais do campo, así como a demolición de parte do muro de bloque de cerre do campo, co obxectivo de poder ampliar o terreo de xogo.
Unha vez realizados estes traballos, construirase o novo campo e dotarase de céspede artificial de última xeración, marcándoo para conformar un campo de fútbol 11 e dous de fúttbol 7. Instalarase a correspondente rede de drenaxe, un sistema de rego composta por 6 aspersores; redes recollebalóns de nylon e, no perímetro do campo onde non hai muro, instalarase unha varanda de aluminio.
A iluminación farase con 4 torres de de 16 metros de altura e con 5 proxectores de 2.000 vatios cada unha e equiparase o campo con 2 porterías de fútbol 11, 4 de fútbol 7, 2 bancadas para xogadores e bandeiríns de corner.
Para rematar a obra, no fondo suroeste demolerase o muro de bloque existente e construirase un novo de formigón armado.











