A pintura de Manuel Carballeira regresa á galería da Casa do Concello de San Sadurniño
Manuel Carballeira Rivas é un artista plástico dedicado principalmente á pintura, na que conta con mais dunha trintena de premios e mencións polas súas obras. Algunhas delas puidemos velas co gallo da apertura da nova casa consistorial na que foi a primeira exposición acomodada na galería do primeiro andar. Agora Carballeira volve a San Sadurniño con algúns cadros xa mostrados daquela e outros inéditos na sala. Poderemos velos alí ata o 26 de setembro.
Carballeira reflicte nos seus cadros distintos temas. Paisaxes, figuras, bodegóns, mariñas e retratos enmarcados na súa maior parte dentro da arte figurativa. A maioría das obras están pintadas a espátula ou pincel. Tamén realiza traballos en acuarela, pastel, plumilla e acrílico, pero sempre dentro do impresionismo e o realismo.
O pintor leva mais de 20 anos impartindo clases de debuxo e pintura artística e expoñendo en diversos puntos de España e do estranxeiro. Gran parte das obras da exposición que se pode contemplar na galería do Concello representan diferentes espazos de San Sadurniño nos que Manuel Carballeira mostra a nosa beleza patrimonial e natural. A exposición pode visitarse de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30 horas ou os sábados de 9.30 a 13 horas.
A partir do 29 de setembro Carballeira deixaralle o sitio á pintora ferrolá Carmen Martín, que exporá a súa arte figurativa ata finais de outubro.











