A pianista xaponesa Mine Kawakami ofrece un concerto na Catedral de Santiago
A Catedral de Santiago acollerá un concerto da pianista xaponesa Mine Kawakami este xoves, día 28 de agosto, ás 21,30 horas.
Diso informou a organización a través dun comunicado, no que avanzou que a artista interpretará pezas dos seus discos ‘O meu camiño’ e ‘Sonata Samurai’.
Kawakami, que ten “un especial interese polos camiños sagrados que hai no mundo”, pretende ofrecer este concerto aos peregrinos que rematan o seu camiño na Catedral de Santiago e a todos os compostelanos.
De feito, a pianista visita a capital galega “con frecuencia” dende hai anos, agradecida pola “xenerosidade” e a “fidelidade” dos seus veciños.
Tras percorrer a ruta xacobea en 2010, experiencia da cal xurdiu o álbum ‘O meu camiño’, en 2015 tocará no Camiño de Kumano, irmandado co de Santiago.











