A oferta lúdico gastronómica en Vilagarcía concentrase á beira da avenida da Mariña con bailes de salón e a feira das tapas
A Avenida da Mariña será o eixo principal da oferta lúdico, gastronómica e musical da xornada de mañá, venres, xa que en torno a esta vía celebraranse diversos actos para todos os gustos. A Feira das Tapas no Miguel Hernández poderase aderezar coa exhibición de Bailes de Salón no Auditorio, a sesión da discoteca móbil da Duendeneta en Méndez Núñez ou o concerto da Octopus Music Band na explanada do Auditorio.
Para abrir o apetito, o programa da última fin de semana de agosto ábrese coa sexta edición da Feira das Tapas organizada pola Asociación de Hostaleiros e Iniciativas Turísticas de Vilagarcía (Ahituvi) en colaboración co Concello. As casetas dos 12 locais de hostalería que participan nesta saborosa feira instalaranse no corredor central do Parque Miguel Hernández onde se servirán 24 tapas diferentes. Cada local presentará dúas receitas, unha tradicional e outra máis innovadora que se someterá á decisión das papilas gustativas dos asistentes que ao final da feira votarán ao gañador do concurso de tapas deste ano. O prezo da tapa é de 2 euros e poderanse regar con viño (1,80 euros copa e 10 a botella), caña (1,50 euros) ou auga (1 euros). A Feira das Tapas comeza ás 20 horas do venres, o sábado abrirá en horario de mañá (de 12 a 16:h) e de tarde noite (20 a 24:00), igual que o domingo, aínda que o peche pola noite será ás 23 horas.
No medio da degustación gastronómica, poderase presenciar a Exhibición de Bailes de salón que o Club de Baile Deportivo Al Compás ofrece no Auditorio a partir das 22:00 horas e cuxa entrada e libre e de balde. Dirixidos polos profesores Enma López e Daniel Pintos, os bailaríns demostrarán a súa peripecia en distintas modalidades de bailes de salón. En principio, esta exhibición ía a celebrarse na Rúa García de Caamaño, pero decidiuse trasladar ao interior do Auditorio como complemento ideal para a Feira das Tapas que soe atraer a moita xente.
A poucos metros de alí, na Rúa Méndez Núñez, os hostaleiros da rúa organizar dúas sesións da Duendeneta para despedir o mes de agosto. O primeiro pase comezará ás 21:30 e o segundo ás 23 horas.
E a esta mesma hora, ás 23.00 os que prefiran outro tipo de música poderán dar uns pasiños ata a explanada do Auditorio para presenciar a actuación da Octopus Music Band que porá o colofón á primeira xornada da fera das Tapas.











