publicidade hoxe

A Granxa Maruxa de Monterroso recibe a visita de Nava Castro, Pepe Solla e o presidente da Real Academia de Gastronomía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMonterroso
A-
A+
Visita á Granxa Maruxa en Cumbraos

Visita á Granxa Maruxa en Cumbraos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o presidente da Real Academia de Gastronomía, Rafael Ansón, acompañados polo cociñeiro do Grupo Nove, Pepe Solla, percorreron hoxe as instalacións de Granxa Maruxa en Cumbraos, Monterroso.

A granxa, que dispón de 25 hectáreas de pasto está rodeada de árbores e acolle unha explotación ecolóxica na que se integra unha galletería e unha pequena tenda con produtos elaborados en ecolóxico na comarca da Ulloa. A produción ecolóxica de alta calidade elaborada na granxa comercialízase ademais noutros 200 puntos de venda.

Granxa Maruxa é unha explotación ecolóxica innovadora que aproveita todos os valores que ten a vida no campo para crear un produto único e difundir as bondades de vivir no rural. A súa explotación conta con gando vacún e está unida á fábrica de galletas artesás.

Nava Castro, Rafael Ansón e Pepe Solla coñeceron tamén nesta visita os novos proxectos nos que traballa esta empresa que está a buscar unha diversificación da súa produción e orientarse a novos sectores. Ademais coñeceron todo o proceso de elaboración desta fábrica artesá para a produción e comercialización das galletas realizadas con fariña de trigo ecolóxico e con nata ecolóxica.

Coñeceron tamén a nova embalaxe das galletas en formato individual deseñado para o seu consumo sempre en óptimo estado de conservación e sabor.

Enogastronomía como valor diferencial

Posteriormente, trasladáronse a Vila de Cruces para realizar unha visita ás Adegas Castrobrey, incluídas na Denominación de Orixe Rías Baixas e dentro da subzona do Ulla. Caracterízanse tamén pola súa aposta pola calidade baseada na combinación da produción artesanal coas técnicas máis avanzadas en criomaceración e fermentación controlada.

Turismo de Galicia aposta no Plan Integral de Turismo pola potenciación da gastronomía dado que constitúe un dos máis relevantes valores diferenciais que fan de Galicia un destino único.

A potencialidade como atractivo turístico en si mesmo que ten a gastronomía e en combinación con outros produtos turísticos, así como o feito de que Galicia conte coa maior variedade de froitos do mar do mundo e de que sexa o primeiro produtor e consumidor español de peixe, así como que contemos con produtos distinguidos pola súa calidade certificada conforman un atributo singular do destino.
 

1 de agosto de 2014 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.