A Festa do Pulpo do Carballiño vólvese máis internacional coa edición dun selo de correos especial da 52 edición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Carballiño
A-
A+

A Festa do Pulpo do Carballiño conta, desde este venres, cun selo de correos especial, dedicado a esta 52 edición, e que está baseado no cartel deste ano, deseño do artista local Xesús Carballido. A edil de Turismo Pilar Caride recoñecía que “cremos que, na procura da internacionalización da nosa festa, unha das mellores formas estaba en algo que viaxa por todo o mundo. Por iso, nada máis ver o cartel de Carballido, pensamos, e o propio artista animounos, a crear un selo con esta imaxe. O seguinte paso, como non podía ser doutra forma, foi pornos en contacto coa Sociedade Filatélica Miño, para que nos aconsellasen neste sentido”.

Froito deste contacto é o selo que xa está en circulación, e que o concello conta coas 4 primeiras láminas, que serán usadas para os correos especiais que desde a institución se envíen durante este ano. A responsables da Sociedade Filatélica Miño, aseguraba que “nada máis ver o cartel deste ano xa pensamos que sería perfecto para facer un selo, e cando nos chamaron do concello puxémonos rapidamente en marcha para conseguir este primeiro selo da Festa do Pulpo”.

Para darlle aínda maior atractivo, sobre todo para os coleccionistas, a Sociedade Filatélica Miño creou un cartón postal co mesmo cartel e un sobre, para poder enviar a todos cantos coleccionistas demanden este selo. Ademais, varios destes cartóns foron selados xa na estafeta de correos do Carballiño, co que o seu valor aumenta considerablemente para os coleccionistas.

A intención do concello do Carballiño é seguir esta iniciativa ano tras ano, co cartel de cada edición, e mesmo crear un cuño postal específico que se usaría durante toda a semana da Festa do Pulpo.

8 de agosto de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.