publicidade hoxe

A Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova entrega as insignias de ouro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVilanova de Arousa
A-
A+
Entrega das insignias de ouro e brillantes da Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova de Arousa

Entrega das insignias de ouro e brillantes da Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova de Arousa

A directora do Instituto Tecnolóxico para o control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, recibiu hoxe unha das insignias de ouro e brillantes da Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova de Arousa. Durante o acto, Covadonga Salgado agradeceu esta distinción por “significar un explícito recoñecemento ao labor do Intecmar, que ten no control sanitario dos moluscos bivalvos a súa principal función”, subliñou.

A directora do Intecmar recibiu o galardón en nome de todos os traballadores do centro “que se esforzan día a día nese labor” e agradeceulles a súa dedicación “calada e rutineira, que lle confire aos nosos produtos do mar o valor engadido da súa salubridade e seguridade alimentaria”. Un aspecto, sinalou, que fixo que o Intecmar “sexa hoxe unha referencia mundial na súa materia”.

De igual xeito, Covadonga Salgado destacou que o centro que dirixe, ten por obxectivo informar a tempo real e de forma rigorosa da situación na que se atopan os polígonos bateeiros e as rías, coa finalidade de que os consumidores poidan gozar con tranquilidade “dos mellores produtos do mar” e que estes cumpran coas condicións de seguridade alimentaria establecidas.

A directora do Intecmar

Covadonga Salgado Blanco é doutora en ciencias químicas e licenciada en farmacia. Tamén é técnica superior en prevención de riscos laborais e funcionaria do corpo facultativo superior da escala de químicos.

Dende abril de 2009 é directora do Intecmar, centro oficial da Xunta de Galicia para o control da calidade das augas costeiras e para a aplicación de disposicións legais en materia de control hixiénico-sanitario de produtos do mar. A este centro Covadonga Salgado dedicou boa parte da súa traxectoria, pois foi subdirectora técnica e xefa de unidade de biotoxinas mariñas do Centro de Control do Medio Mariño e máis tarde, entre o 2003 e o 2006 foi subdirectora xeral deste centro, que é antecedente do Intecmar.

Ademais Covadonga Salgado participa en proxectos de investigación sobre toxinas mariñas e é autora de numerosas publicacións científicas. Pola súa condición de experta no control de hixiene e salubridade dos moluscos bivalvos tamén é requirida con frecuencia pola Comisión Europea para as misións desenvolvidas por organismos comunitarios como a Oficina Veterinaria e Alimentaria da UE (Food and Veterinary Office, FVO). Tamén actuou como auditora técnica de laboratorios, requirida pola Entidad Nacional de Acreditación (ENAC); como titora e coordinadora en seminarios do programa europeo Better Training for a Safer Food; así como en grupos de traballo da Comisión Europea e en consultorías da FAO.

10 de agosto de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.