A Feira Rural de San Sadurniño acollerá un obradoiro de cociña creativa para os cativos
A programación da VI Feira Rural do próximo 30 de agosto está practicamente pechada. A zona da Cortiña acollerá ese sábado unha chea de actividades entre as que destaca o concurso de froita autóctona, o mercado de produtos da terra, artesanía e segunda man, a II Copa Agility Concello de San Sadurniño e algunha que outra actividade máis na que aínda se está traballando. Porén, canda elas tamén haberá cousas para os cativos, como son os xogos tradicionais ou o obradoiro de cociña creativa que se desenvolverá durante a tarde. Este último ten dous obxectivos: que a rapazada aprenda a preparar merendas ou sobremesas ricas e saudables e, quizais o máis importante, que o fagan desde a perspectiva da igualdade de xénero.
Deste xeito o obradoiro combinará a parte lúdica e a educativa insistindo moito en que a cociña, igual que calquera outro labor doméstico, debe ser unha responsabilidade compartida no fogar. Un obxectivo que aparece reflectido no Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes aprobado polo Concello de San Sadurniño e que se quere alcanzar por medio de accións de sensibilización e educación deste tipo.
O obradoiro leva por nome “Cociñar e xogar… todo é mesturar” e vai dirixido a un público infantil con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Os nenos e nenas serán os encargados de preparar os ingredientes necesarios -froitas, iogur, requeixo, mel e outra materia prima de calidade procedente de explotacións da comarca- cos que elaborarán sinxelos pratos e zumes.
Haberá dúas quendas, unha das 16 ás 17.30 horas e outra das 17.30 ás 19.00. Pouco antes de que remate cada una delas os cativos poderán degustar as súas creacións e mesmo ofrecerlle a proba aos visitantes da feira que pasen pola zona do obradoiro. Para esta actividade ofrécense un máximo de 20 prazas por quenda. As inscricións haberá que facelas o propio día da feira no posto de información que terá aberto o Concello.
“Cociñar e xogar…todo é mesturar” busca que os nenos e nenas aprendan hábitos alimentarios saudables así como a ruptura dos roles diferenciados existentes entre mulleres e homes no ámbito das tarefas domésticas. O obradoiro conta con axuda económica da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia dentro do seu programa de actuacións financiadas polo Fondo Social Europeo.
Continúa aberto o prazo de inscrición na Feira Rural
A VI Feira Rural de San Sadurniño comezará ás 10.30h e prolongarase até as 19.30 cun completo programa de actividades principais e outras complementarias. Entre as principais cóntase, ademais da exposición de froita, a zona para que os labregos e labregas da comarca poderán comercializar directamente os seus produtos de calidade. Á feira incorporaranse a práctica totalidade dos expositores e expositoras que participan habitualmente nos mercados locais, onde se dan cita comercializadores agroalimentarios, artesáns e mesmo persoas interesadas en mercar, vender ou intercambiar artigos de segunda man.
Calquera persoa que estea interesada en comercializar os seus produtos na VI Feira Rural debe inscribirse previamente. Hai varias maneiras: presentando a folla dispoñible na web municipal debidamente cuberta no rexistro municipal, enviándoa ao Concello por correo -Lugar do Casal nº 16 – 15560 San Sadurniño- ou por medio da conta de correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es. Neste mesmo enderezo pode obterse máis información, ademais de nos teléfonos 616 332 919 e 981 490 027.











