A ensenada do Orzán acolle o XXIX Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, presentou o XXIX Trofeo e 10ª Bandeira de Traiñeiras Teresa Herrera 2014 que se celebrará este fin de semana na ensenada da praia do Orzán. Participarán 17 dos mellores clubs galegos: Amegrove; Samertolameu-Meira; Chapela; Vilaxoán; Cabo de Cruz; Club do Mar de Mugardos; Ares; Mecos; Regatas Perillo; A Cabana-Ferrol; Poboa; Esteirana; Club do Mar de Bueu; Rianxo; Vila de Cangas; Coruxo; e Cesantes.

“O noso Teresa Herrera de Traiñeiras converteuse, por dereito propio, nunha cita ineludible no calendario estival do deporte coruñés. É impresionante observar, ano tras ano, como a ensenada do Orzán recibe ás mellores embarcacións galegas ofrecendo unha espectacular regata en mar aberto para o goce de todos os espectadores que se acheguen ao paseo marítimo”, destacou o concelleiro.

Como en edicións anteriores, a regata arrincará mañá, sábado, 9 de agosto, coa proba clasificatoria a partir das 17.00 horas e que determinará que clubs participarán na regata do domingo, día 10, que empezará ás 12.00 horas tras a tradicional ofrenda aos homes do mar e a Salve Mariñeira.

Haberá premios de entre 200 e 2.500 euros, ademais da tradicional Bandeira de Honra para a traiñeira vencedora que, para tela en propiedade, ten que gañala dous anos consecutivos ou tres anos alternos. Amegrove gañou en 2011 e en 2012 e levou a bandeira en propiedade, o que obrigou a confeccionar unha nova para 2013 e que só se podería levar en propiedade o Club de Remo Chapela si repite o triunfo conseguido na pasada edición.

Mourelo destacou que como novidade disputarase unha regata de promoción para mulleres con tres embarcacións máis. O concelleiro animou a todos os coruñeses e visitantes a gozar deste espectáculo que, ademais, combina á perfección grandes valores inherentes ao deporte, como o afán de superación, o compromiso ou o traballo o equipo.

8 de agosto de 2014 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.