A Deputación financia con 661.000 euros a construción dunha nova bancada no campo de fútbol do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra investirá 661.000 € nas obras de construción dunha nova bancada e outras instalacións no campo de fútbol do Morrazo e outros 77.091,17 € na continuación das obras de humanización da zona vella de Cangas.

Así o acordou esta mañá a Xunta de Goberno da Administración provincial, que aprobou o proxecto de execución das obras no campo do Alondras e a concesión dunha subvención ó Concello para renovar os servizos urbanos na rúa Antonio Garelly.

Os traballos no campo de fútbol do Morrazo, no que xoga o Alondras, incluirán a demolición completa das bancadas, que presentan numerosas deficiencias, e a construción doutras novas.

Na parta baixa das bancadas construiranse seis vestiarios, cuarto de lavandería, ximnasio, 2 baños –un adaptado a persoas con reducida mobilidade–, oficinas e despacho de billetes.

Trátase dunha obra moi demandada, xa que as instalacións actuais non só están deterioradas senón que resultan insuficientes para atender a elevada demanda que ten o campo, polo que os traballos contemplados no proxecto aprobado hoxe permitirán adaptar as instalacións ás necesidades actuais.

Humanización de rúas

No que respecta á continuidade dos traballos de humanización do núcleo histórico do concello, a Deputación acordou financiar –con cargo ó Plan Urxente de Mantemento de Infraestruturas e Servizos Municipais– os traballos para a renovación total da rúa Antonio Garelly.

Trátase dunha actuación que representará a renovación das redes de saneamento, abastecemento de auga e iluminación pública, así como a nivelación da calzada e a substitución do actual pavimento –que na actualidade mestura pedra con lastro de formigón– por un sollado de pedra similar ó que xa está instalado nas rúas adxacentes.

A actuación afectará a unha superficie total de 385,30 m2, situada entre a avenida de Eduardo Vicente e a rúa do Hío, e permitirá corrixir as numerosas deficiencias que presenta na actualidade esta vía, como son un pavimento desigual e deteriorado, unha rede unitaria de augas pluviais e fecais –que agora serán canalizadas separadamente– e unha iluminación pública obsoleta.

8 de agosto de 2014 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.