A Deputación de Pontevedra redactará un Plan Director e de usos para o Pazo de Quintás
A Deputación de Pontevedra encargarase da redacción dun Plan Director e de Usos do Pazo de Quintás, en Sanxenxo, así como da elaboración do proxecto das obras dunha primeira fase de restauración.
Farao por medio dun convenio de colaboración co Concello de Sanxenxo, aprobado na Xunta de Goberno desta semana.
O obxectivo é definir os pasos que se deben seguir para a rehabilitación e posta en valor deste emblemático edificio, propiedade do Concello, e que na actualidade se atopa notablemente deteriorado.
Os traballos que realizará nesta primeira fase a Deputación de Pontevedra ascende a un total 72.598,79 euros e contan cun prazo para de execución dun ano.
O edificio está situado no lugar de Quintás, na parroquia de Noalla e conta cunha superficie estimada de 1.485 m2, con dúas plantas en forma de “L”.
A superficie total da finca é de 9.480 m2 e atópase divida en dúas partes principais. Unha delas definida polas edificacións principais: pazo, capela, alpendres, e piorno, e subdividida, a súa vez en pequenos patios: un situado ao sur da entrada, o patio de servizo ao oeste, o piorno e o patio de labor ao norte e un xardín ao leste.
A outra parte, de planta cuadrangular, está delimitada por unha gran muralla de granito.











