A Deputación de Pontevedra pon en marcha a segunda edición dos cursos para técnicos e xestores deportivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

240 técnicos e xestores de clubs deportivos da provincia de Pontevedra poderán formarse na segunda edición dos cursos que a Deputación de Pontevedra porá en marcha a partir do mes de setembro.

Con esta actuación a Administración provincial busca facilitar a profesionalización das tarefas de dirección e xestión das entidades deportivas, poñendo á disposición das persoas que traballan neste campo unha formación gratuíta de calidade.

Tras a boa acollida que tiveron os cursos organizados o pasado ano, nos que participaron 228 persoas, a Deputación prepara unha segunda edición que, nesta ocasión, contará con 240 prazas. Destas, 160 van destinadas a técnicos, monitores e adestradores deportivos, e outras 80 a directivos e xestores de clubs.

Todos eles poderán recibir formación relacionada coas súas áreas de traballo nos clubs e escolas deportivas da provincia, en cursos semipresenciais, cunha duración total de 20 horas: 12 presenciais e 8 a distancia.

Inscrición ata o 5 de setembro

Os interesados poderán inscribirse ata o 5 de setembro no rexistro xeral da Deputación en Pontevedra ou na sede de Vigo.

No tocante á formación para técnicos e adestradores, organizaranse catro cursos, con 40 prazas cada un. O primeiro desenvolverase o 12 e 13 de setembro; o segundo, o 26 e 27 do mesmo mes; o terceiro, o 10 e 11 de outubro; e o último, o 24 e 25 de outubro.

O 7 e 8 de novembro e o 28 e 29 deste mesmo mes terán lugar os dous cursos orientados a directivos de clubs.

En todos os casos, as clases presenciais desenvolveranse na tarde dos venres (de 16:00 a 20:00 h), e os sábados en xornada de mañá (de 10:00 a 14:00 h) e tarde (de 16:00 a 20:00 h), e terán lugar nas instalacións da Escola de Canteiros, en Poio.

Programa de estudo

En canto ó contido dos cursos, o dirixido a técnicos, adestradores e monitores centrarase este ano na Didáctica e Pedagoxía do Deporte en Idade Escolar, con clases impartidas polo profesor da Universidade da Coruña Víctor Arufe Giráldez; as Bases da Nutrición e a Hidratación no Deporte, impartido por José Luis García Soidán, da Universidade de Vigo; e Primeiros Auxilios e Actuación ante Accidentes Deportivos, a cargo de Roberto Barcala Furelos, tamén profesor da Universidade de Vigo. O programa complétase cun traballo tutelado no que os participantes terán que aplicar os contidos aprendidos no curso.

Pola súa banda, os directivos e xestores terán ó seu alcance formación sobre Uso das Redes Sociais e Recursos Web para Mellorar a Visibilidade do Club, a cargo de Víctor Arufe Giráldez; e Responsabilidade Civil dos Directivos na Xestión dun Club Deportivo, impartido por Rafael Alonso Martínez, responsable do Departamento de Dereito Deportivo da compañía de servizos xurídicos Hispajuris. Tamén se abordará a Xestión e Fiscalidade da Entidade Deportiva, e o Liderado e Cohesión do grupo, para rematar cun traballo tutelado sobre as materias abordadas.

27 de agosto de 2014 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.