A Deputación de Pontevedra destina 15.000 euros a un programa para estimular a linguaxe das persoas con síndrome de Down

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación destina 15.000 € a un programa para potenciar a comprensión e a expresión oral e para mellorar as habilidades sociais das persoas con síndrome de Down. A institución provincial renovou o convenio asinado coa asociación Down Pontevedra Xuntos para o mantemento do Programa de estimulación da linguaxe oral.

Así o manifestaron esta mañá o presidente da entidade, Manuel Pérez Cabo, e a deputada provincial Ana Isabel Vázquez, tras a sinatura do acordo, no que lembraron a estreita colaboración que manteñen ambas as dúas entidades e que se estende a outros ámbitos, coma o da promoción da inserción laboral.

De feito, no 2014 a Deputación concedeu outros 6.000 € a Down Pontevedra para manter o seu Programa de formación para o emprego.

Promover a integración

Trátase de dous dos eixes centrais de actuación da asociación, xa que a integración laboral é un aspecto especialmente relevante na vida adulta e contribúe a que os afectados gañen independencia e autonomía, mentres que promover unha boa adquisición e dominio da linguaxe é unha garantía para mellorar a integración social e o desenvolvemento persoal desde as idades máis temperás.

No que respecta ó convenio asinado hoxe, o Programa de estimulación da linguaxe oral está orientado a detectar posibles factores que dificulten a adquisición da fala, mellorar a linguaxe, potenciar a comprensión e expresión verbal –coa inclusión da linguaxe de signos e outros sistemas de comunicación–, desenvolver as habilidades sociais dos nenos e mozos con síndrome de Down e promover, deste xeito, unha mellora nas relacións interpersoais.

Ana Isabel Vázquez recoñeceu e valorou o traballo que esta asociación desenvolve a prol da integración social e do desenvolvemento persoal dos afectados polo síndrome de Down, tanto por medio deste programa coma do “intenso e amplo labor” que esta entidade desempeña desde a súa creación, hai xa máis de dúas décadas, e que inclúe múltiples actividades, coma apoio educativo, atención temperá, achegamento ás novas tecnoloxías, actividades de lecer, así como formación para o emprego e inclusión social e laboral, ademais dunha destacada función de sensibilización social sobre a trisomía 21 e de apoio ás familias.

A achega que a Deputación realiza a Down Pontevedra Xuntos permitirá custear a contratación de persoal adscrito ó Programa de estimulación da linguaxe oral, así como sufragar gastos de xestión e administración, entre outros.

En canto á inserción laboral, Pérez Cabo lembrou o notable avance que se produciu neste ámbito, xa que, “mentres hai tan só uns anos era impensable que unha persoa con Down traballase nunha empresa ordinaria”, hoxe en día é algo que se está a producir con certa normalidade, e, aínda que falta moito traballo por facer aínda, nos seis anos de funcionamento do programa “levamos xestionado xa 200 contratos en empresas” para persoas con Down.

7 de agosto de 2014 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.