A Deputación da Coruña leva investidos máis de catro millóns de euros en Arteixo dende 2011
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá o concello de Arteixo, en compañía do alcalde, Carlos Calvelo, para coñecer de primeira man a evolución das tres obras que están en marcha no municipio con fondos do ente provincial: a piscina, o centro de formación e o centro social-multiusos de Rorís.
Estas inversións forman parte dos máis de catro millóns de euros que a Deputación leva investidos en Arteixo nos últimos anos. Ademais, esta institución logrou desbloquear actuacións bloqueadas dende hai anos, como é o caso da propia piscina ou do centro de formación.
Segundo explicaron os técnicos, o centro social de Rorís está case rematado e a conclusión da piscina está prevista para principios de ano. Para este proxecto a Deputación fixo unha achega de 240.000 euros, o que supón o 49% do custo total.
No caso da piscina, esta obra contou con 300.000 euros procedentes de fondos provincias. O proxecto inclúe dous vasos de distintos tamaños, cinco salas multidisciplinares e un ximnasio de 500 metros cadrados.
Outros 400.000 euros destináronse tamén ao centro de formación que está situado enfronte. Ambas parcelas do polígono de Sabón foron cedidas pola Deputación.
Inversións que dan os seus froitos
O titular provincial definiu todos estes investimentos como “claves” para a mellora da calidade de vida dos residentes no municipio e “pensados para eles”. “Facemos un importante esforzo dende o Concello e a Deputación para dar resposta ás demandas dos veciños”, afirmou Diego Calvo, que admitiu sentirse orgullo de ver que “as inversións dan os seus froitos”.
Pola súa banda, Carlos Calvelo agradeceu o compromiso da Deputación co concello que dirixe e invitou aos veciños a dar uso a estes novos equipamentos.
Compromiso
Ademais destes tres proxectos, Arteixo recibiu nos últimos catro anos 2.144.908,8 euros correspondentes ao POS e outros 745.228,06 a través do novo plan creado con remanentes tras a chegada de Diego Calvo á institución provincial, Unha Deputación para Todos os Concellos.
E para completar o apoio, ademais das obras que aínda se están executando, o goberno local percibiu outros 439.214,25 euros da liña ordinaria de subvencións destinadas a actuacións no ámbito da cultura, a normalización lingüística, os servizos sociais, o deporte e a promoción económica.











