A Deputación da Coruña expón a “Toalla tradicional europea” na súa sede provincial
A Deputación da Coruña expón dende hoxe e ata mañá a “Toalla tradicional europea”, un traballo coordinado por varios centros Europe Direct, entre eles o adscrito ao ente provincial, e que trata de poñer en valor os distintos tipos de bordados da UE.
O tapiz vaise formando a través das composicións de distintas asociacións. Ata o de agora xa inclúe bordados de Mértola, en Portugal, e de Huelva. No caso da Coruña, os artesáns participantes foron Liño de Galicia (Vimianzo), cunha selección de puntillas; Choridas, coa técnica de bordado ao aire, e Obradoiro de Tapices Galicia apostou por unha imaxe da Torre de Hércules en lana.
Ademais, a Asociación Galega de Artesáns (AGA) tamén colaborou co proxecto coa selección dos participantes e dando a coñecer a iniciativa. De feito, unha vez abandone a sede provincial, a toalla quedará exposta toda a semana na feira de artesanía, Mostrart, da Coruña.
A toalla mide dous metros de longo por 1,10 de ancho e cada delegación dispón duns 90×28,5 centímetros para mostrar os seus bordados tradicionais.
Unha vez remate esta semana será a asociación Alba de Lleida a que amplíe o tapiz para despois viaxar a Italia e Rumanía.











