A Coruña inicia as xestións para ser a sede da fase final da 80ª Copa do Rei de baloncesto en 2016
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o presidente da Deputación, Diego Calvo, mantiveron unha reunión de traballo para iniciar os trámites para que A Coruña sexa elixida sede da fase final da 80ª Copa de S. M. o Rei da ACB da tempada 2015 -2016. “A Coruña continúa así con decisión e paso firme o camiño para albergar outro gran evento e estreitar aínda máis os seus lazos con este deporte que tantos afeccionados ten na cidade”, destaca Carlos Negreira.
A fase final consta de sete partidos: catro de cuartos de final, dous de semifinais e o partido da final; o que supón que a sede organizadora acolle aos oito mellores equipos da ACB. “É a mellor maneira de afianzar A Coruña como referente do noroeste español no mundo do deporte”, subliña o rexedor.
O alcalde destaca os “fortes lazos” que unen á cidade con este deporte e sinala que ser a sede da fase final da Copa do Rei supón achegar o baloncesto ao maior número de persoas e así fomentar o deporte entre os máis pequenos: “Sería un luxo e unha oportunidade única, non só o poder gozar do mellor baloncesto, senón tamén para o fomento dos valores sociais, culturais e educativos que este deporte inculca entre os cidadáns”, recalca Carlos Negreira, quen lembra que desa unión da cidade co baloncesto naceu o convenio polo cal A Coruña foi designada pola Federación Española do Baloncesto como Cidade Asociada ao Mundobasket 2014, polo que é a primeira urbe da Ruta Ñ-14 e a única da cornixa cantábrica que poderá gozar da selección dentro da súa xira de preparación de cara ao Campionato do Mundo.
Carlos Negreira subliña que se trata dun evento cun retorno económico “único” para a cidade e de maneira especial para o pequeno comercio, a hostalaría e hotelería, xa que se calcula un impacto económico de máis de 20 millóns de euros. O gasto medio diario por afeccionado rolda os 200 euros para os residentes e os preto de mil euros para os que acudan doutros lugares de España. Ademais, o gasto directo de patrocinadores e colaboradores participantes no evento alcanza o millón de euros.
A Copa do Rei retransmítese, ademais, en máis de 100 países do catro continentes e logra unha audiencia acumulada de 10 millóns de espectadores. “Celebrar eventos como este de gran repercusión social e mediática favorece a expansión e difusión da marca
A Coruña”, sentenza Carlos Negreira.











