A Coruña inaugura a primeira skate praza integrada dentro do parque natural dos Rosales
O concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador, visitou esta mañá o barrio dos Rosales, onde o Concello abriu aos patinadores a primeira skate praza da cidade, un equipamento de 1.810 metros cadrados que responde a unha solicitude das propias asociacións de skaters e practicantes do patín, con quen se acordou o deseño final da instalación.
O departamento municipal que dirixe Enrique Salvador investiu 164.000 euros na colocación desta pista de skate. O proxecto busca fomentar a práctica desta modalidade deportiva, cada vez máis en auxe, así como favorecer a convivencia dos patinadores co resto dos cidadáns.
O concelleiro de Medio Ambiente destacou que tivo en conta as propostas das asociacións de skaters para coñecer de maneira máis exacta as necesidades reais dos usuarios da pista, onde se apostou por unha skate praza, ao tratarse da tendencia dominante nos países pioneiros na práctica do skate. Con estruturas semellantes ás existentes nas prazas e rúas que adoitan utilizar os patinadores, como bancos, varandas, escaleiras ou planos inclinados, a skate praza é apta para todos os niveis. Ademais, conta cun pequeno quarter -un tipo de módulo que require unha execución moi precisa e de gran dificultade para os que queren patinar curvas-.
Salvador sinalou que se optou pola instalación dunha skate praza porque presenta unha serie de vantaxes con respecto a outros modelos: maior facilidade de construción, menor custo de execución, a necesidade dun menor mantemento e a ampliación do número de posibles usuarios porque non discrimina a ningún deportista en función do seu nivel. A skate praza sitúase no parque natural urbano dos Rosales, detrás da escola infantil. Trátase dunha zona de esparexemento para moitos cidadáns -en especial, para os veciños do barrio-, un lugar idóneo para camiñar, ir coas mascotas ou para ir en bicicleta. Ademais, atópase nunha zona de fácil acceso -tanto a pé como en transporte público- que conta con amplas e espectaculares vistas da cidade, numerosas árbores e varias sendas e camiños.
A nova instalación enmárcase dentro do plan de recuperación da contorna natural dos Rosales e intégrase nunha antiga canteira, o que minimiza o impacto visual e mellora o aproveitamento do espazo. A skate praza é un elemento dinamizador para a zona, converténdose na primeira infraestrutura destas características coa que conta A Coruña e a máis importante do noroeste peninsular tanto por equipamento como por tamaño, o que a converte nun referente para a práctica deste deporte. Neste sentido, Enrique Salvador afirmou que o Concello traballa na organización de exhibicións de alto nivel na nova skate praza dos Rosales.
As obras incluíron tamén a roza e limpeza do terreo; a escavación do recinto en tres niveles diferentes -as terras de escavación dun nivel serviron de recheo para outro, polo que non foi necesario achegar terras de préstamo-; a instalación da rede de saneamento; e a construción dos elementos que conforman o recinto -metálicos, de formigón e de fabricación mixta-, así como do pavimento de patinaxe, composto de formigón en masa e mallazo. A terra vexetal procedente da capa máis superficial do terreo utilizouse para a rexeneración dos noiros. Tanto nos noiros como nas zonas perimetrales da pista de skate plantáronse árbores de especies resistentes aos ventos e a salinidade.











