A Casa das Ciencias ofrecerá sesións en directo da choiva de estrelas fugaces das Perseidas
A Concellaría de Cultura informa de que a partir de mañá, venres 8 de agosto, e até o próximo día 13 ofrécense, ás 18.00 horas no planetario da Casa das Ciencias, sesións en directo da choiva das Perseidas.
Cada ano, a mediados de agosto, os afeccionados á astronomía teñen unha cita coa choiva de estrelas fugaces das Perseidas. É un dos fenómenos astronómicos máis emocionantes e accesibles que ofrece o ceo, polo que entre o 8 e o 13 de agosto todas as sesións no planetario da Casa das Ciencias incluirán recomendacións para observalo. Ademais, a sesión das 18.00 horas estará dedicada exclusivamente ás Perseidas.
Este ano a lúa chea do día 10 restará escuridade ao ceo, así que só se poderán ver os meteoros máis brillantes. As mellores condicións para velos daranse de madrugada, xusto antes de amencer. O máis recomendable é mirar na dirección en que o ceo estea máis escuro. A observación non necesita de máis axuda que un ceo despexado, abrigo, paciencia e boa compañía. Non se recomenda o uso de prismáticos ou telescopios.
As estrelas fugaces son o resultado da entrada de pequenos anacos de materia interplanetaria na atmosfera terrestre. Estes fragmentos de cando en cando superan o tamaño dun gran de arroz, pero pola súa elevada velocidade quentan o aire ao seu paso, deixando un rastro luminoso que pode durar varios segundos. A orixe das Perseidas atópase na cola do cometa Swift-Tuttle, que se achega á Terra cada 120 anos aproximadamente, renovando a corrente de partículas que coincide coa órbita do planeta ao redor do Sol.
As Perseidas tamén se coñecen como bágoas de San Lorenzo, xa que o seu máximo período de actividade prodúcese ao redor do día 10 de agosto, no que se lembra o martirio deste santo de orixe española que foi asado á grella en Roma no século III.











