publicidade hoxe

A Cañiza presenta a 48 edición da Feira do Xamón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaCalendarioLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Presentación da 48 edición da Feira do Xamón da Cañiza

Presentación da 48 edición da Feira do Xamón da Cañiza

A Carballeira do Cacharado acollerá os alpendres de casqueiros, as pallozas, os carros típicos e os cabezudos centenarios para acoller a celebración que ten o gran atractivo de exaltar un produto de gran calidade, que é moi versátil á hora de preparar diferentes pratos e que admite todo tipo de acompañamentos e condimentos, o produto protagonista é o xamón que este ano xa celebra a 48 edición desta feira.

A venda de tíckets para a degustación de distintas racións elaboradas con xamón comezará ás 11.00 horas. Poderase probar o xamón curado con pan e viño ou refresco, o xamón asado, o xamón cocido, a empanada de xamón e a tortilla de xamón. Haberá ademais un concurso de especialistas de corta de xamón a man e un desfile dos centenarios ‘Cabezudos’ da vila, dos carros e do grupo folclórico e a Banda de Gaitas de Santa Cristina de Valeixe e membros da Cofradía do Xamón.

Actuacións musicais e espectáculos infantís, así como un espectáculo ecuestre de Torneo Medieval, e mais a verbena, completan o cartel do festexo.

A Cañiza conta xa cunha festa con declaración de Interese Turístico, a romaría da Virxe da Nosa Señora da Franqueira, unha das tallas marianas máis antigas de Galicia.

Na presentación participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez Alfonso presentaron a 48 da Feira do Xamón da Cañiza que conta dende 2013 coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, unha distinción que, segundo explicou a directora de Turismo, non fixo senón incrementar a repercusión e a sona dunha cita que ano tras ano supera as súas expectativas e leva o nome da Cañiza polo mundo.

Segundo dixo a directora, a Carballeira do Cacharado encherase o vindeiro día 15 “coa oferta culinaria centrada nun dos nosos produtos máis singulares”. O clima desta zona, a súa situación xeográfica e a temperatura propician as condicións idóneas para producir “o mellor xamón de Galicia”, dixo.

O nivel de curación exclusivo que acada nestas terras e a oportunidade de degustalo curado, asado, cocido ao viño tinto, en empanada ou en tortilla atrae cada ano a milleiros de visitantes que descobren a través do xamón a magnífica gastronomía destas terras e a singularidade da nosa cociña tradicional.

A directora de Turismo destacou tamén que “para a promoción turística dun destino é fundamental contar con reclamos de calidade, con atractivos diferenciais, que sexan capaces de xerar no viaxeiro o desexo de coñecelo”. A directora destacou tamén que “a gastronomía de Galicia, exaltada nas nosas máis de 300 festas gastronómicas, é un deses atractivos que sen dúbida se sitúan nos primeiros postos da motivación dos viaxeiros que nos visitan”.

A directora de Turismo de Galicia destacou que xunto co Camiño de Santiago e o noso patrimonio natural e cultural, a gastronomía constitúe un dos valores diferenciais que fan de Galicia un destino único. É por isto que, na segunda liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia e relacionada coa oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos, a enogastronomía adopta un papel moi destacado.

A conxunción entre o patrimonio industrial e a industria viva, unidos á enogastronomía, ao mar ou á artesanía son outras opcións para o desenvolvemento e promoción de produtos turísticos galegos. Así, tamén dentro desa liña estratéxica, Turismo de Galicia traballa no desenvolvemento e promoción do produto transversal do turismo enogastronómico, en coordinación con Galicia Calidade; así como no fortalecemento e dinamización das adegas e viticultores das Rutas do Viño de Galicia.

4 de agosto de 2014 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.