A beleza das Illas Atlánticas transfórmase en arte na exposición “Lenzos de Natureza” que acolle o auditorio de Vilagarcía
A sala de exposicións do Auditorio Municipal acolle a partir desta tarde a mostra de pintura “Lenzos de Natureza”, unha mostra que reúne as obras realizadas “in situ” por 53 artistas de toda Galicia que participaron o pasado mes de setembro no I Encontro do Parque Nacional Illas Atlánticas e que tivo como escenarios as illas de Cortegada, Cíes, Sálvora e Ons. A beleza destes espazos naturais pódese ver no Auditorio convertida en arte a través das particulares olladas de cada pintor.
O I Encontro de Pintores do Parque Nacional Marítimo terrestre das Illas Atlánticas organizouse co obxectivo de xuntar natureza e arte para contribuír a transmitir a través da pintura a beleza e os valores naturais das illas que conforman o parque. Con elo búscase aumentar a sensibilidade da poboación cara estes privilexiados e valiosos espazos naturais da nosa terra.
A xornada realizouse o 22 de setembro con saídas cara todas as illas do Parque dos grupos de pintores profesionais e afeccionados, un total de 53, dos cales 13 elixiron a Illa de Cortegada para realizar as súas obras en vivo e en directo. Os materiais utilizados para traballar debían ser respectuosos co medio ambiente e a actividade fíxose seguindo as normas de coidado e conservación do parque.
Cada pintor elixiu un entorno para desenvolver a súa obra. O sol radiante que brillou ese día quedou reflectido na luminosidade das obras resultantes. As persoas que ese día tamén visitaron as illas do Parque Nacional contaron co atractivo engadido de ver traballar aos pintores.
As obras realizadas nese I Encontro de Pintores do Parque Nacional expuxéronse por vez primeira no Centro de Interpretación das Illas Atlánticas, en Vigo e agora viaxa polos municipios do Parque Nacional. Ademais das pinturas elaboradas en diversas técnicas, no Auditorio de Vilagarcía tamén exhibirá un mural onde aparecen fotografías de todos os pintores durante a realización da actividade.











