A aula CeMIT de San Sadurniño pecha por vacacións ata setembro
Tras varios meses de intensa actividade, a aula CeMIT de San Sadurniño pendura o cartel de pechado por vacacións ata o día 4 de setembro. Un peche que serve de escusa para facer balance da primeira metade do ano. Aí van algúns números: 50 persoas que se deron de alta como novas usuarias, 10 cursos impartidos -175 horas en total- con 75 participantes, 4 charlas por videoconferencia… e, por suposto, os do proxecto web Fálame de San Sadurniño, que no último ano recibiu preto de 40.000 visitas.
Este 2014 foi, ademais, o da confirmación do éxito de levar a aula polas parroquias, que en xaneiro estivo no Camiño Arriba, en febreiro en Lamas e en Marzo en Igrexafeita. Nos locais sociais destas parroquias houbo cursos de iniciación á informática e a internet. Asistiron 33 persoas cun perfil extrapolable ao resto da aula: arredor dun 60 por cento de mulleres por un 40 por cento de homes, unha media de idade entre os 50 e os 65 anos e nun 80 por cento cuns coñecementos previos mínimos ou sen eles.
Porén, a aula da Rede CeMIT de San Sadurniño tamén é punto de encontro para mellorar as posibilidades de crecemento de calquera negocio. Algunhas das actividades desenvolvidas centráronse na mercadotecnia en liña, o comercio electrónico e sobre como construír a imaxe -e a reputación- da nosa PEME a través da web e as redes sociais.
Podería pensarse que todo o da aula CeMIT se refire a ordenadores, internet e outras tecnoloxías da información. Pero o máis destacable é o labor de dinamización social que fai. Este ano a aula participou activamente nos obradoiros de memoria activa para persoas maiores e tamén puxo San Sadurniño no mapa mediático ao protagonizar os espazos da TVG “Cos pés na terra” e “Somos ben curiosos”.
Xunto con estas colaboracións, a técnica da rede levou parte do peso organizativo do Día Internacional da Muller. Unha data na que logrou implicar ás mulleres que participaron nos cursos e que colaboran habitualmente con Fálame de San Sadurniño, o proxecto web de preservación da nosa historia por medio de sons, videos, documentos e imaxes. É a estrela de todas as iniciativas. Desde a súa posta en marcha a mediados de 2013 o sitio da memoria viva de San Sadurniño recibiu 40.000 visitas e as estatísticas indican que houbo máis de 200.000 páxinas vistas.
A partir do 4 de setembro a aula da Rede CeMIT retoma a súa actividade co mesmo horario e con novas propostas.











