A área ferrolá de Igualdade e as entidades de mulleres abordan a descentralización de obradoiros
A Concellería de Xuventude e Igualdade do Concello de Ferrol segue a implantar a descentralización nos diferentes barrios e parroquias do municipios de obradoiros e actividades dirixidas á muller. Con esta finalidade, as diferentes asociacións de mulleres do municipio poderán escoller até un máximo de tres obradoiros da nova programación de Igualdade para a temporada 2014-2015, un máis que nas edicións anteriores. A titular da Concellería, Verónica Casal Míguez, reuniuse hoxe no Pazo Municipal con representantes de oito entidades de mulleres para expoñerlles esta posibilidade e, ademais, coñecer as súas preferencias para a programación de actividades puntuais de Igualdade entre os vindeiros meses de outubro e maio.
Así, as entidades de mulleres que asistiron a esta reunión de traballo coa edil ferrolá foron as seguintes: El Pilar, Caranza, Santa Mariña, Esmelle, Doniños, Amas de Casa, Viuvas e Arume. Cada unha destas asociacións poden elixir tres obradoiros para celebrar nos seus locais veciñais entre a nova programación deseñada en función das preferencias e demandas das usuarias da tempada anterior. Cómpre lembrar que esta oferta para a edición de 2014-2015 de obradoiros de Igualdade está formada por clases de: Informática, pilates, fotografía, memoria, zumba e ximnasia de mantemento.
Casal Míguez aproveitou a xuntanza para pedirlles ás representantes das asociacións de mulleres que dixeran as súas preferencias en canto ao cintido dos cursos puntuais de Igualdade que entre outubro e maio programará o Concello de Ferrol e que a tempada pasada centráronse en: Economía Doméstica, Defensa Persoal e Autoestima. As entidades indicaron como cursos preferentes: Dereitos e defensa do consumidor, así como temas de saúde na muller e de autoestima.
Por último, a concelleira de Igualdade sinalou que nos primeiro día de apertura do prazo de solicitudes para os novos obradoiros de muller 2014-2015 xa hai rexistradas 202 persoas. O prazo seguirá aberto até o día 5 do vindeiro mes de setembro. As mulleres interesadas deben anotarse no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol.











