A Aldea de verán de San Sadurniño despídese cunha festa nos xardíns municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Os nenos e nenas que participan na edición deste ano da Aldea de verán apuran os últimos días de actividades antes do remate do programa. Atrás quedan semanas de xogo e aprendizaxe que rematarán este venres cunha festa de despedida nos xardíns municipais. A recta final do verán tamén supón o arranque dunha nova etapa para a proposta socioeducativa Espazos das familias, que abrirá as inscricións o próximo luns 1 de setembro.

Desde o mes de xullo os cativos e cativas da Aldea de verán tiveron tempo para facer de todo. O principal foi xogar, aínda que sempre cunha finalidade educativa. Por iso grande parte das mañás dedicárona a xogos cooperativos, manualidades e unha constante actividade física e mental coa que axudar ao seu desenvolvemento. 

A maior parte do tempo pasárono no patio cuberto do CPI, pero tamén fixeron saídas a outras partes do concello e mesmo foron de excursión ao Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia situado en Oleiros. Ademais tamén gozaron de obradoiros sobre reciclaxe e consumo responsable, primeiros auxilios e, o máis recente, sobre seguridade viaria impartido coa colaboración da Policía Local das Pontes.

A despedida da Aldea de verán farase este venres cunha festa na que se reunirán os nenos e nenas das dúas quendas do programa -a de xullo e a de agosto-. Para eles haberá hinchables, escuma, maquillaxe e distintos xogos. Ao remate sortearase unha visita guiada á aula ambiental do Cabalar, situada nas Pontes.

A Aldea de verán contou con apoio da Deputación da Coruña. O Concello quixo prolongar o servizo cun programa complementario denominado Setembro concilia que duraría desde o 1 ao 5 de setembro e para o que ofrecía 12 prazas. Tralo remate do prazo de solicitudes o venres pasado e ao non xuntarse un número mínimo de inscricións -só houbo dúas- desde o departamento de Educación e Igualdade optouse por suspendelo.

Volven os Espazos das familias

Co comezo do mes tamén abre o prazo para inscribirse en Espazos das familias, un programa dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos que substituiu xa hai tres anos ao desaparecido Preescolar na casa. A actividade busca apoiar as familias na educación dos fillos e fillas ofrecendo un espazo onde os cativos se relacionen con outros cativos, onde pais e nenos compartan xogos e, en definitiva, onde profundar no desenvolvemento dos máis pequenos. 

Espazos das familias céntrase nunha etapa da infancia na que os meniños empezan a descubrir o mundo que os rodea e na que se vai conformando a súa personalidade. Ademais, as sesións tamén perseguen que os pais e nais aprendan todo o que hai que saber sobre o crecemento infantil, sobre a necesidade de que todo o nucleo familiar se implique no labor educativo dos novos membros e, máis que nada, sobre como levar a cabo unha crianza dos nenos e nenas responsable e igualitaria.

As inscricións neste programa poden facerse ata o 16 de setembro no departamento de Servizos Sociais -programa de Educación Familiar- e hai máis información nos teléfonos 981 490 027 e 673 903 922. Unha vez rematado o prazo de inscrición farase unha xuntanza para establecer os horarios e os grupos definitivos. Cómpre bulir porque só se ofrecen 24 prazas que se cubriran por orde de solicitude e con prioridade para as familias empadroadas en San Sadurniño. 

Espazos das familias comezará previsiblemente a primeiros de outubro e, como en anteriores edicións, as sesións terán lugar na casa da Cultura cunha periodicidade quincenal ata finais de maio do ano que vén.

26 de agosto de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.