A alcaldesa de Mos solicita na consellería de Traballo e Benestar unha terceira Escola Infantil para o municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+
Beatriz Mato na reunión coa alcaldesa de Mos

Beatriz Mato na reunión coa alcaldesa de Mos

A Consellería de Traballo e Benestar estudará a posibilidade de poñer en marcha unha terceira escola infantil da Rede Galiña Azul na localidade de Mos. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, comprometeuse hoxe a analizar esta solicitude nunha xuntanza que mantivo en Santiago coa alcaldesa, Nidia Arévalo.

O Concello de Mos dispón de 82 prazas públicas de 0-3 anos distribuídas en dúas escolas: a de Porteliña, que oferta 41 prazas, e a de Coto Torrón, con outras 41 prazas. Para o posible novo centro de 0-3 anos, o Concello xa dispón de emprazamento, en concreto, na parcela municipal, onde na actualidade se sitúa a antiga escola unitaria de Louredo.

Mato destacou que a aposta da Xunta de Galicia pola creación de prazas en escolas 0-3 é “clara” e, neste senso, explicou que a Administración autonómica vén traballando nestes últimos anos no obxectivo de achegar ás familias galegas a conciliación da vida persoal e familiar proporcionando, ao mesmo tempo, aos usuarios desas escolas un entorno de calidade nos seus primeiros anos de vida.

Deste xeito, na pasada lexislatura, a Xunta puxo en marcha 3.000 prazas públicas na Rede autonómica de escolas infantís, que conta actualmente con 8.750 prazas. Na provincia de Pontevedra, a oferta actual é de 3.309 prazas, o que supón un incremento do 65,5% con respecto a abril de 2009.

Por outra banda, Nidia Arévalo solicitou de cara a 2015 financiamento para poñer en marcha un plan de emprego para o Concello, para seguir a reducir as cifras de persoas desempregadas na localidade, así como a ampliación do obradoiro de emprego que comezará en Mos a finais deste mes e co que se seguirá a rehabilitar a casa reitoral de Petelos, que alberga na actualidade un centro de día para maiores. A conselleira comprometeuse coa alcaldesa a estudar as súas peticións en materia de emprego, ao tempo que lle lembrou que as políticas activas de emprego publícanse anualmente en ordes no Diario Oficial de Galicia.

6 de agosto de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.