A adxudicataria comeza a trasladar o material para a reforma do parque da Xunqueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O luns pola mañá comezarán os preparativos para a execución das esperadas obras de Reforma Integral do Parque da Xunqueira. Os responsables da empresa adxudicataria, Construcciones Abal, así llo anunciaron ao alcalde Tomás Fole, na xuntanza que mantiveron esta mesma mañá no Concello. O rexedor pediulles a máxima celeridade la realización do proxecto, polo que o luns a empresa xa empezará a levar o material e maquinaria precisos para os traballos.

Tamén o luns terá lugar unha reunión sobre o terreo entre o Arquitecto Municipal que redactou o proxecto e os responsables e técnicos da construtora a efectos de establecer o plan de traballo e concretar detalles sobre a execución do mesmos.

Nestas primeiras xornadas de preparativos, a adxudicataria, ademais de iniciar o traslado de materiais, tamén se dedicará a acondicionar o interior dos baixos do piorno do parque que utilizarán como base de operacións, evitando deste xeito ter que instalar casetas de obra no zona de esparexemento.

A reforma do céntrico parque vilagarcián é unha obra moi esperada debido ao mal estado no que se atopa o firme do paseo central e á necesidade de mellorar esteticamente o resto da zona de recreo. A isto sumaráselle tamén a dotación do solo de caucho na segunda zona de xogos infantís, cunha actuación que se desenvolve a través doutro proxecto. A obra adxudicada á empresa Construcciones Abal por importe de 318.762 euros finánciase a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación.

O proxecto redactado polos técnicos do Concello prevé a substitución do actual pavimento do parque, moi deteriorado e levantado polas raíces das árbores, por outro de lousas de pedra granítica, nos paseos centrais, e de lastro de formigón nos bordos. A obra tamén inclúe a construción de bancadas, dotación de novo alumeado e mobiliario urbano, acondicionamento das canchas deportivas e mellora da ornamentación vexetal.

Caucho na zona infantil

Independentemente dista actuación, en breve comezarase tamén a segunda fase da mellora da zona infantil de xogos. Despois da instalación de firme de caucho e cambio das atraccións e instalacións no recinto máis próximo ao río, agora efectuarse unha actuación similar na zona de enfronte.

28 de agosto de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.