80 rapaces participaron no campamento de verán “Babyocio” na Casa da Xuventude de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Rey Varela na clausura de "Babyocio"

Rey Varela na clausura de “Babyocio”

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou hoxe aos menores que participaron no campamento urbano de verán “Baby Ocio” que se desenvolveu na Casa da Xuventude durante os meses de xullo e agosto. Un total de 80 nenos/as, 40 no mes de xullo e outros 40 no mes de   agosto, con idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos, participaron nesta proposta de carácter lúdico e didáctico que se clausurou hoxe cun festival de fin de campamento na instalación municipal.

Jose Manuel Rey destacou o carácter conciliador destes campamentos de verán “que permiten que os pequenos poidan gozar da cidade e das súas prazas e que os pais teñan a seguridade de que o van pasar ben mentres realizan actividades educativas”. Así mesmo, apostou por seguir realizando estas iniciativas “xa que as prazas estiveron completas”, matizou. Neste senso, o primeiro edil reiterou o seu compromiso de incrementar o número de prazas dispoñibles para a vindeira edición “como vimos facendo nestes tres últimos anos”, engadiu o rexedor municipal.

Paralelamente, a Concellería de Igualdade e Xuventude organizou para os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos o campamento “Planeta Verán”, que se desenvolveu tamén nos meses de xullo e agosto no Centro Cultural Carvalho Calero. Baloncesto, fútbol, atletismo ou clases de inglés foron algunhas das actividades que tiveron ocasión de realizar os participantes desta edición.

Finalmente e como novidade con respecto a anos anteriores, a Concellería de Igualdade e Xuventude decidía ampliar franxa horaria dos campamentos, sendo de 8:30 a 14:30 horas para que se adapte ao horario laboral dos pais e nais.

29 de agosto de 2014 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.