XV edición do Torneo de Tenis no pavillón de Ribadumia
A Concellería de Deportes organiza a décimo quinta edición do Torneo de Tenis Concello de Ribadumia, que se vai disputar entre o 14 e o 23 de agosto nos pavillón de Ribadumia. As inscricións para participar no torneo podense facer a partir do próximo luns 21 nas oficinas municipais ou nos teléfonos 986 718 491/9. Os datos requiridos para a inscrición son nome, idade, categoría na que van xogar, teléfono e dispoñibilidade horaria. O prazo para anotarse remata o venres 8 de agosto.
As modalidades nas que se disputa o torneo son, para menores de 14 anos, xuvenil masculina e feminina; e para maiores de 14 anos, absoluta e dobres, masculinas e femininas. O ano pasado preto de cen persoas participaron no torneo, éxito que desde a concellería confían en repetir nesta edición.
A Concellería de Deportes de Ribadumia conmemora este ano a décimo quinta edición do torneo, convertida nunha cita deportiva de referencia no municipio e para moitos tenistas da comarca. A súa celebración inclúese dentro do compromiso da Concellería que dirixe Jorge Abal de espertar o interese dos veciños por diferentes modalidades deportivas a través da organización de competicións e de actividades, da dotación e mantemento de calidade das instalacións deportivas e do apoio ós clubs locais. “Podemos sentirmos orgullosos polas numerosas actividades e competicións que estamos a organizar desde o Concello de Ribadumia, e pola resposta que temos de todos os veciños, que nos alenta para continuar traballando na mesma liña, co mesmo esforzo e co mesmo compromiso”, puntualiza Jorge Abal.
Desde a concellería tamén anuncian que se abre o prazo de inscrición para participar o próximo curso na Escola de Tenis Municipal de Ribadumia, que conta coa ensinanza de profesores titulados da Federación Galega. As persoas interesadas en participar xa poden reservar a súa praza nas oficinas municipais. Como en anos anteriores, haberá grupos para nenos e para adultos. As clases comezarán co curso escolar e desenvólvense no Pavillón Municipal de Ribadumia.











