Xuventude abre o prazo para solicitar as axudas para mercar un ordenador dentro do programa Conecta Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, informou que mañá abre o prazo do programa “Conecta Ferrol” de axudas para mercar un ordenador. A edil ferrolá apuntou que a presentación de solicitudes -unha por unidade familiar- para esta achega municipal poderá realizarse no Rexistro Xeral ata o 31 de outubro e que a adquisición do ordenador deberá ser nunha tenda ou comercio de Ferrol ata o 30 de novembro.

“Conecta Ferrol” ten como obxectivo a compra dun ordenador (portátil ou de sobremesa) por parte dos mozos/as empadroados no termo municipal coa finalidade de facilitar, axudar e mellorar a súa formación durante a etapa escolar de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato. A contía da axuda para mercar un ordenador é de 200 euros por mozo. Un total de 50 estudantes poderán ser beneficiarios desta achega municipal, que poderá ser solicitada polos mozos/as que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar empadroado no Concello de Ferrol, cunha antigüidade mínima dun ano.

– Ter entre 12 e 18 anos de idades, cumpridos no momento de presentar a súa solicitude.

– Acreditar un nivel de ingresos económicos netos anuais da unidade familiar non superior a 2,5 veces o IPREM.

Conduce Ferrol

A edil Verónica Casal tamén lembrou que o prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse do programa “Conduce Ferrol” estará aberto ata o 31 de xullo. Esta proposta permitirá a 50 mozos e mozas de Ferrol, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, sufragar parte do custe da obtención do permiso de conducir. Así mesmo, as persoas beneficiarias desta achega de 200 euros deberán posuír ou realizar un curso de condución segura. A titular de Xuventude sinalou que a pasada semana había cursada máis de 30 solicitudes para esta achega.

21 de xullo de 2014 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.