Xunta e Deputación de Lugo asinarán un convenio de 6,87 millóns de euros para mellora de camiños de titularidade municipal
Os concellos da provincia de Lugo beneficiaranse de máis de 6,87 millóns de euros para a ampliación, mellora e mantemento de camiños de titularidade municipal para as anualidades 2014-2015. Este ano o Plan Marco, impulsado pola Consellería do Medio Rural e do Mar, inclúe como novidade que unha parte da cofinanciación será aportada polas deputacións provinciais.
Deste xeito, a consellería e a Deputación Provincial de Lugo asinarán un convenio de colaboración para a execución desta iniciativa de dinamización do rural, segundo o cal a Xunta xestionará 5.288.922 euros procedentes de fondos propios e fondos Feader e a Deputación de Lugo achegará 741.938 euros, mentres que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente contribúe con 832.529 euros.
Así, logo de consensuar os criterios de reparto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a nova cofinanciación do Plan Marco distribuirase de xeito que o 75% irá con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio aportará un 12,13% dos fondos e a Xunta e as deputacións provinciais o 12,87% restante.
Os concellos beneficiarios das achegas serán os encargados do pagamento do Imposto do Valor Engadido (IVE). Este reparto amosa a colaboración ordenada de todas as Administracións, baixo a coordinación da Xunta de Galicia.
Plan Marco
O seu obxectivo principal é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, poñendo en valor as dotacións existentes de infraestruturas básicas, e levar a cabo actuacións dirixidas a fomentar a implantación e mellora dos servizos básicos demandados pola poboación rural.
O feito de que todos os concellos da nosa comunidade poidan dispor duns fondos preestablecidos para a mellora da súa rede viaria resulta fundamental despois dun inverno que provocou estragos nos camiños de titularidade municipal.











