Xunta e Concello do Grove buscarán novo emprazamento para a construción da escola infantil de Rons

Beatriz Mato na reunión co alcalde do Grove. Foto: C. Paz
A Consellería de Traballo e Benestar e o Concello do Grove traballarán conxuntamente para buscar unha solución á problemática da escola de Rons, na localidade meca. Así, buscarán un novo emprazamento para este centro infantil de 0-3 anos. Así o acordaron hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, nunha xuntanza que mantiveron en Santiago.
A conselleira volveu a ofrecerlle á Administración local a súa colaboración para levantar un novo edificio. A partir de agora buscarase unha parcela para este fin que a Administración local cederá ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Mentres tanto, o Concello comprometeuse a realizar ao longo deste verán reparacións paliativas na escola, tal e como se indica no informe técnico realizado conxuntamente polo Concello e a Administración autonómica. O propio informe define os labores de mantemento que se levarán a cabo como paliativos, xa que no documento afírmase que a causa última dos problemas que presenta esta escola están relacionados co envellecemento do edificio, dadas as súas características. Polo tanto, estas obras, que consistirán fundamentalmente en reparacións para evitar novas filtracións e melloras no sistema de ventilación, realizaranse xusto antes de que comece o curso escolar en setembro.
Con respecto ós labores de mantemento, é preciso lembrar que a Consellería de Traballo e Benestar xa investiu neste edificio municipal máis de 74.000 euros en diversas melloras.
En resumo, a titular do departamento autonómico mostrou ao alcalde a súa total disposición para resolver esta situación buscando a mellor solución técnica para que a solución sexa definitiva.











