Xunta, CXPX, Fiscalía, avogados e UVigo poñen en marcha o servizo de mediación familiar
A Xunta pon en marcha do servizo de mediación familiar intraxudicial en Pontevedra para a resolución de conflitos de maneira rápida e eficaz coma alternativa ao proceso xudicial en determinados litixios.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asinou hoxe o convenio de colaboración co vocal do Consello Xeral do Poder Xudicial, Juan Manuel Fernández, co Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela; co decano do Colexio de Avogados de Pontevedra, Ramón Jaúdenes e co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato para a posta en marcha do servizo de mediación intraxudicial familiar na cidade de Pontevedra
Este programa terá un equipo permanente de mediación dependente do Colexio de Avogados de Pontevedra e da Universidade de Vigo, composto por un psicólogo e un xurista habilitados e inscritos no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia, que permitirá orientar ás persoas que teñen iniciado un procedemento xudicial coma resultado dun conflito familiar conseguir así unha resolución satisfactoria do conflito.
O vicepresidente da Xunta resaltou que a mediación intraxudicial familiar é unha iniciativa que está a funcionar con éxito en Santiago, Ourense e Vigo, e que agora se vai implantar en Pontevedra e Lugo, polo que aposta por estendelo paulatinamente ao resto das cidades galegas.
A mediación intraxudicial familiar é un sistema de solución de conflitos nos casos de rupturas familiares e problemas domésticos de xeito distinto ao proceso xudicial, o que contribúe a paliar o exceso de litixiosidade e que está a ofrecer moi bos resultados, con máis do 50 por cento de casos que chegan a un acordo, do total de mediacións aceptadas voluntariamente.
O seu obxectivo é impulsar a resolución dos conflitos pola vía do diálogo e o consenso, unha fórmula na que todos os profesionais coinciden como idónea polo aforro de tempo e cartos nos procesos; a diminución da carga de traballo que supón e a redución dos custes emocionais dos participantes, algo especialmente importante nos casos de rupturas familiares con fillos menores.
O servizo de mediación intraxudicial -aquela que se leva a cabo cando o proceso xudicial xa está iniciado- pode ser solicitado por calquera das partes, aínda que na práctica é o xuíz quen, na maioría das ocasións, decide derivar os casos susceptibles de chegar a un acordo. Ademais, tratase dun recurso totalmente gratuíto, cuxa aceptación é voluntaria.
No caso de que ambas partes acepten acollerse a este programa, contan co asesoramento neutral e cualificado de profesionais do dereito e da psicoloxía, que actúan como mediadores no conflito. A intervención destes profesionais busca sempre promover un acordo duradeiro que sexa aceptado polos dous membros da parella, e que, posteriormente, só necesitaría ser ratificado xudicialmente.











