Xestur concede a AEMOS o dereito de superficie dunha parcela no polígono da Veigadaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Esta mañá celebrouse o acto de sinatura da cesión do dereito de superficie dunha parcela de 4.345 m2, por parte de Xestur a favor de AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos), por un período de 30 anos prorrogables a outros 30. A parcela, sita no Parque Empresarial Mos-Veigadaña, destinarase a desenvolver no futuro a sede social de AEMOS, así coma o centro de servizos da Asociación.

As autoridades que asistiron ó acto de sinatura foron Javier Domínguez, xerente de Xestur Pontevedra, José Manuel Figueroa, en representación tamén de Xestur, José Mañas, presidente de AEMOS, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, integrantes do grupo municipal do PSOE e concelleiros e concelleiras do equipo de goberno local –membros todos da Corporación Municipal mosense- e Mª José Bravo Bosch, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo.

O acto celebrouse ás 11.00 horas da mañá no salón de sesións da Casa Consistorial.

Na súa intervención o presidente de AEMOS, José Mañas, describiu esta cesión do dereito de superficie dunha parcela no polígono de Veigadaña por parte de Xestur á Asociación de Empresarios, como algo novidoso en toda a provincia de Pontevedra; e explicou que nestes terreos, ademais de oficinas, investirase para crear sinerxias que atraian a máis empresarios a asentarse neste parque empresarial, tales coma un área de servizos, unha gasolineira, etc.

Dado o carácter innovador deste proxecto, é xa unha iniciativa que está no punto de mira e espertando as expectativas doutras asociacións de empresarios. Neste sentido Mañas agrecedeu o apoio prestado ó proxecto por parte da Xunta de Galicia, de Xestur Pontevedra e do Concello de Mos, en particular da súa alcaldesa, Nidia Arévalo.

Explicaba o presidente dos empresarios que “o Concello de Mos sempre apoiou esta idea, coñecedor de que para que haxa progreso no municipio fai falla un tecido empresarial moderno e dotado dos mellores servizos”. Por iso José Mañas describía hoxe a parcela, cuxo dereito de superficie lles foi cedido por Xestur esta mañá, como “unha valiosa ferramenta que nos comprometemos a saber usar e a usala ben”. Mañas argumentaba tamén neste sentido que para os empresarios asociarse é un xeito de abaratar costes xenerando sinerxias.

Pola súa banda Javier Domínguez, xerente de Xestur, explicou que a parcela de 4.345 metros cadrados cedida a AEMOS atópase ubicada na entrada principal o PEMOS-Veigadaña e que este tipo de cesión do dereito de superficie é unha novidade e a primeira vez que se fai dende a Xunta de Galicia. Domínguez describiu esta como “unha interesante oportunidade para ambas partes, tanto administración autonómica como Asociación de Empresarios”; manifestouse encantado de que ambas entidades poidan colaborar conxuntamente e alegrouse de que AEMOS conte xa con fondos para poder comezar a obra e que dito inicio poida atraer a máis empresarios interesados en asentarse no polígono de Veigadaña.

No caso do outro representante de Xestur, José Manuel Figueroa, este alabou o traballo da Asociación de Empresarios, “que serve para beneficiar á sociedade en xeral”, dixo, “xa que se hai alguén que poida colaborar xerando emprego e postos de traballo son os empresarios”. Figueroa fixo tamén referencia ó percorrido histórico do PEMOS-Veigadaña, que pese ás dificultades e problemáticas que a súa creación puido ter nun principio, logrouse finalmente que o parque empresarial tivese un importante retorno social co Campo de Fútbol das Baloutas e o novo local social da Asociación de Veciños Santa Ana de Veigadaña.

Explicaba Figueroa que, coa suma dos esforzos das diferentes administracións, conseguiuse un proxecto empresarial serio no PEMOS-Veigadaña, que “é un dos mellores parques empresariais da provincia de Pontevedra”, asegurou. O representante de Xestur salientou tamén a importacia da presencia no acto desta mañá dos concelleiros dos grupos políticos con maior representación na Corporación Municipal mosense, PP e PSOE; e insistiu en que este tipo de cesión de parcela é unha situación única que non se deu nunca en ningún outro lugar de Galicia, polo que Mos é pioneiro. Aledouse tamén de que AEMOS xa dispoña dunha parte da inversión económica necesaria para poner en marcha o centro previsto para a parcela cedida e desexoulles ós empresarios que poidan acadar o resto sen problemas. Neste sentido dixo que “é un día para felicitarnos todos e, en nome de Xestur, doulle ás gracias dun xeito especial tanto á alcaldesa de Mos como a AEMOS”.

Nidia Arévalo, rexedora local mosense, agradeceu en primeiro lugar a presencia dos seus compañeiros do equipo de goberno e dos concelleiros do Partido Socialista de Mos; así como á delegada da Xunta, María José Bravo, ó presidente dos empresarios de Mos, e ós representantes de Xestur Pontevedra, Javier Domínguez –xerente- e José Manuel Figueroa. A alcaldesa fixo unha mención moi especial a Agustín Hernández, anterior conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e ó Ministerio de Fomento; ambos importantes contribuíntes a que o PEMOS-Veigadaña chegase a bo porto e se rematase non só sen perxudicar ós veciños da Veigadaña, senón aportándolles melloras como o novo local social para a Asociación Veciñal ou o Campo de Fútbol das Baloutas. Tamén, e gracias sobre todo á sensibilidade do Ministerio de Fomento, logrouse manter o acceso ó barrio de Veigadaña dende a estrada Nacional 550.

“Acadamos un engranaxe perfecto todas as administracións traballando xuntas”, explicaba Arévalo esta mañá ó botar a vista atrás na traxectoria do proceso de creación do polígono da Veigadaña. “Agora”, continuou a alcaldesa, “pídolle a AEMOS que poña todos os esforzos en levantar, nesta parcela que hoxe se lles cede, un edificio útil e de referencia para tódolos empresarios de Mos, da área metropolitana de Vigo e incluso de Galicia, co obxectivo final de crear industria e con ela novos postos de traballo que fagan descender a tasa de paro en Mos”.

Por último, a delegada territorial da Xunta de Galicia, Mª José Bravo Bosch, falou desta cesión do dereito de superficie como un mecanismo legal que nunca se usara antes e que logrou levarse a cabo gracias ó empeño do Concello de Mos en que esta fórmula salise adiante. Fixo referencia neste sentido á persistencia da alcaldesa, gran impulsora deste proxecto.

Bravo Bosch falou dos cursos de formación e promoción do emprego que albergará o edificio a construir nesta parcela, “que axudarán sen dúbida”, dixo, “a mellorar as cifras do índice de desemprego en Mos”. Aínda que Mos, apuntou a delegada, é dos municipios que pouco a pouco vai acadando neste sentido datos positivos que indican unha remisión do paro na localidade mosense.

Para rematar, Mª José Bravo madifestou o seu desexo de que, tras os primeiros 30 anos de cesión, a Asociación de Empresarios de Mos solicite a prórroga polos outros 30 anos máis, xa que iso quererá dicir que o Parque Empresarial Mos-Veigadaña vai ben, obtén bos resultados económicos e o centro construído na parcela cedida é unha infraestrutura activa, útil e de referencia.

11 de xullo de 2014 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.