XEM deixa Carballo tras analizar as preocupacións medioambientais dos mozos europeos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Os 28 mozos e mozas galegos, eslovacos, italianos e franceses que participan en Carballo da man de Senda Nova no proxecto europeo XEM -Xuventude, Europa, Medio ambiente- teñen claras as súas preocupacións de cara a unha mellor protección do medio natural: reducir a contaminación apostando por un transporte sostible, crear vivendas autosuficientes enerxeticamente, difundir a reciclaxe, fuxir da minería e conservar a masa forestal. Eses son os temas dos seis traballos realizados durante a pasada semana nesta iniciativa que ten como obxectivo fomentar entre a mocidade os estilos de vida saudables e o respecto á integración da sociedade na defensa do medio ambiente. Ante o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, o salón de plenos transformouse nunha sala de conferencias na que os mozos e mozas, de entre 18 e 25 anos, expuxeron as conclusións dun intenso programa que remata hoxe, martes 8 de xullo, cun concerto no Pub O’Patacón e cos participantes deixando a súa impronta nun dos muros da localidade a través do programa de Senda Nova “Pintamos moito”. Marcos Trigo aproveitou para despedirse dos mozos e mozas desexando “que a vosa semana en Carballo superase as vosas expectativas” e que “do que falástedes poida ser trasladado á vosa vida cotiá”. Así mesmo, asegurou que o Concello “recollerá o testemuño, xa que moitas das solucións que propoñedes poden ser aplicadas”. Respecto dos contidos de cada unha das seis propostas, dúas delas centráronse na necesidade de optimizar os medios de transporte para evitar a polución e o risco de acabar coas reservas de petróleo, e tentar facer das cidades lugares máis amigables. Os mozos e mozas propuxeron fomentar o uso da bicicleta, mellorar o transporte público (poñendo como exemplo que para conectar Carballo coa capital de Galicia tan só hai tres autobuses ao día, algo que sorprendeu aos participantes estranxeiros), incrementar a frecuencia dos horarios tanto por semana como durante as fins de semana, reducir o prezo dos billetes e publicitar máis o transporte público. Así mesmo, cren que a fabricación de coches eléctricos acabará sendo moi rendible para a industria automobilística e consideran que sería recomendable fomentar un domingo ao mes “sen coches” para fomentar entre os veciños e veciñas o uso da bicicleta ou os desprazamentos a pé. As vivendas sostibles tamén tiveron un espazo nas reflexións dos mozos e mozas XEM. Así, outro dos grupos propón crear fogares que sexan auto suficientes, capaces de xerar a enerxía para o seu funcionamento a través de placas solares e o aproveitamento das enerxías hidráulica ou eólica, explotando as potencialidades da zona na que estean ubicadas.

A reciclaxe, a redución da minería ou a protección forestal

“Don’t be late to protect earth” (“Non chegues tarde para protexer o planeta”) foi o lema doutro dos proxectos presentados. Os mozos e mozas deste grupo fixeron fincapé na necesidade da reciclaxe, especialmente porque o incremento no número de habitantes da terra fará imposible atopar espazo para os residuos xerados pola humanidade. Ademais do fomento da reutilización de residuos, os participantes cren que tamén é necesario tentar xerar menos lixo. Tamén falaron de iniciativas noutros países, como en Eslovaquia, onde por 6 euros ao ano hai un servizo de recollida de reciclaxe a domicilio. Outro dos grupos centrouse na minería, unha actividade de actualidade na comarca pola polémica da mina de Corcoesto. Para os mozos e mozas, esta actividade ten un impacto negativo no aire, na auga e na terra, ademais de reducir o atractivo turístico das zonas onde se desenvolve. Que a poboación tente reducir o emprego de metais ou que os gobernos rexeiten os permisos para esta actividade e tenten proporcionar outro tipo de empregos aos cidadáns son algunhas das estratexias propostas.

Pechou a quenda de exposicións un grupo centrado na protección forestal. Así, reflexionaron sobre o feito de que a globalización mal entendida trae ás veces especies de insectos doutros continentes que acaban coas árbores autóctonas de cada rexión, como ocorre en Eslovaquia, en Italia coas palmeiras ou en Galicia co eucalipto. Unha das posibles solucións que barallan é o fomento da responsabilidade social corporativa, que promove a colaboración das empresas e as asociacións de defensa do medio ambiente para que todos tiren proveito da protección da natureza. En conxunto, os mozos e mozas reflectiron nos seus traballos ideas interesantes, moitas veces sendo conscientes da dificultade de que os poderes económicos e políticos cheguen a un acordo sobre temas tan importantes. Mais despois da actividade, chega o momento do adeus, aínda que, como subliñaba Marcos Trigo na despedida, “gustaríanos vervos pronto noutro proxecto, xa sexa aquí ou nalgún dos vosos países”.

8 de xullo de 2014 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.