Xa está en marcha unha nova edición do Festival Reperkusión en Bemposta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Xa está en marcha a 12ª edición do Festival Reperkusión, que se celebrará esta fin de semana na Cidade do Muchachos de Bemposta, en Ourense. Serán, en palabras de Xurxo Seara, un dos organizadores do festival ourensán, “tres días e tres noites de festicultura, preto de 60 horas de programación para todos os públicos, practicamente sen interrupción dende o venres ás 19h ata a madrugada do domingo para o luns ás 05h”. Todas as actividades de día son gratuítas, só son de pago os concertos de noite do venres e o sábado. As entradas anticipadas custan 15€ para un día e 25€ toda a fin de semana. Na billeteira custarán 20€ e 30€, respectivamente 5 euros máis con camping.

Ana Garrido, concelleira de Cultura de Ourense, salientou esta mañá na presentación ante a prensa do XII Reperkusión a importancia do festival, “co que o Concello se volcou este ano máis ca nunca”. “O goberno municipal”, engadiu Garrido, “aposta pola cultura para todas as persoas e de todos os gustos” e, por iso, “é importante que esta cidade siga contando cun festival tan completo e diverso como o Reperkusión”.

Xurxo Seara asegurou que “o Reperkusión mantén a fórmula que o consolidou como un evento único”. “É un evento multidisciplinar”, engadiu, “que busca a orixinalidade en todos os estilos que acolle baixo o paraugas da mestizaxe cultural. No Reperkusión súmanse música, circo, humor, formación, compromiso… e por riba de todo bo ambiente e moita festa para todos os públicos”.

O director do festival, Emilio Oro, foi o encargado de desenvolver os contidos desta edición. “Este ano encabezan o cartel Manu Chao e Mucachito y sus compadres”, explicou. “Manu Chao volve ao Reperkusión e a Bemposta porque os sinte xa como seus”, engadiu, “pero este ano haberá ademáis moitas sorpresas, galegas e españolas na formación do concerto”. Muchachito, pola súa banda, chegará acompañado dos seus compadres -o pintaor Santos de Veracruz e o guitarrista Diego Pozo el Ratón– para repasar o repertorio de Muchachito e de Los Delinquentes e versionar algunhas das súas cancións favoritas.

Completan o cartel outros 24 grupos de música e artistas de circo e teatro chegados dos lugares máis diversos, como os berlineses Dirty Honkers ou os checos N.O.H.A., os franceses Kimbala ou o portugués Daniel Lança coa Barcelona Street Orkestra. Tamén os canarios Kuarembó, os vallisoletanos Curioso Periplo, os portugueses Crassh e os africanos Djolé Djembé Booma. A presenza galega será como sempre numerosa, variada e de calidade: Terbutalina, Cuchufellos, The Turre’s band, La Banda de Andrelo, Los Bichis, Colectivo Bomba, Funkombo e Hadri Hache, no musical e 8mm Teatro, Supergalácticos e os incríbles números circenses de Troupe Sky, no escénico. Durante o día, actividades de diversas disciplinas e para todos os públicos: xogos, obradoiros, ioga da risa, a tradicional Olimpiada de Malabares e moita máis música.

Unha das novidades que o Reperkusión ten preparada para a edición deste ano é a Empolada, “a actividade máis salvaxe, lúdica e participativa da historia do festival”, en palabras do seu director, Emilio Oro. “O público será o protagonista deste body painting rural e colectivo”, asegurou. A cita é o sábado 12 de xullo pola tardiña e o Polo de Cerimonias será O Leo i Arremecághona, a organización convida a todas as persoas con ganas de divertirse, de refrescarse, de pasalo ben e de convertirse en polos por un día a participar na primeira Empolada, para o que contarán con 10.000 globos de auga, 500 quilos de fariña e confeti de plumas.

A Cidade dos Muchachos

O Reperkusión terá lugar por terceiro ano consecutivo na Cidade dos Muchachos de Bemposta, onde a organización se sinte xa como na casa. Trátase dun lugar moi especial, no que se desenvolveu un proxecto modélico de integración e compromiso social que tiña nas artes e no circo un dos seus piares. Un recinto con rúas dedicadas ao circo e ás artes, vivendas, espazos amplos, zonas verdes, edificios polivalentes, un domo espectacular e multitude de detalles.

Buses

A organización ofrécelles, un ano máis, ás persoas que viven en Allariz, Carballiño, Celanova, Lalín, Maceda, Monforte, Ribadavia, Verín ou Xinzo a posibilidade de ir ao Reperkusión en bus compartido. As persoas interesades deben reservar a súa praza antes de mañá martes, 8 de xullo, escribindo a autobus@reperkusion.com, xa que só hai 55 prazas en cada bus e os buses só sairán se hai reservas suficientes. Os buses sairían de cada cidade o venres ás 20h30 e o sábado ás 17h e voltarían dende Bemposta cada noite ás 05h30. O prezo sería de 6 euros/día, ida e volta.

Urbanos de Ourense reforzará, un ano máis, as liñas que conectan o centro da cidade con Bemposta. Máis de 100 buses, máis ou menos cada media hora (poden consultarse os horarios na web do festival), pasarán polos principais puntos da cidade cara ao festival. O prezo será o mesmo que para un percorrido normal de bus urbano: 85 céntimos o normal e todos os descontos habituais. Recoméndase facer uso do bus urbano e non subir en coche, xa que en Bemposta non hai espazo para aparcar.

A produtora cultural Festicultores organiza o Festival Reperkusión dende que naceu en 2003 na vila de Allariz. O Reperkusión 2014 conta co patrocinio do Concello de Ourense e máis coa colaboración da Burn, Gadis e do Grupo La Región.

7 de xullo de 2014 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.