Vilagarcía realizará un estudo topográfico sobre a rúa Cervantes de Carril para buscar o mellor criterio de ordenación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello realizará un estudio topográfica da rúa Cervantes, en Carril, para tratar de buscar a mellor ordenación posible dunha rúa que, polas súas propias características orográficas e urbanísticas, non ten unha doada solución. Hoxe mesmo, a concelleira de Obras, Ana Granja, visitou de novo a zona na compaña dun técnico da oficina do ARI. En principio, a solución podería pasar por deixar a zona central con asfalto, tratando de unificar criterios nas beirarrúas, onde hai entradas e saídas de edificacións de moi diversa tipoloxía nunha zona orográficamente complicada.

Neste sentido, a concelleira de Obras lembra, como o fixo persoalmente xa a moitos dos veciños afectados, que os problemas das augas non é de agora senón dende hai tempo, especialmente dende que se urbanizou o monte da Tomada. Polo tanto, o feito de que agora se asfaltara esa rúa, substituíndo o pavimento de formigón por un novo, non ten por que influír no agravamento desa situación. De feito, argumenta Granja, tratouse de resolver cada unha das peticións que ían facendo os veciños respecto do acceso ás súas fincas ou garaxes.

Máis difícil é, segundo a concelleira e os propios técnicos, dar unha solución á rúa Castillejos, posto que en boa parte está asentada sobre un terreo pétreo, onde é moi complicado facer instalacións básicas como unha rede de augas pluviais, por exemplo. Con todo, e no ánimo de facilitar a mellor calidade de servizos aos veciños destas vellas rúas de Carril, o Concello realizará o citado informe para, á súa vista, tentar de lograr a mellor solución técnica posible tendo en conta, ademais, as limitacións presupostarias.

18 de xullo de 2014 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.